| |
 |
 |
 |
 |
| Trabalho sobre a história do periódico
A Voz do Condado |
 |
| Análise do periódico comarcal
A Voz do Condado |
 |
Entre 1977 e 1979, a 'Xunta de Viciños
do Condado' editou oito números do periódico anticaciquil
A Voz do Condado, um órgao de expressom que adquiriu grande
releváncia na zona. Na 'Xunta' trabalhavam muitas das pessoas
que hoje continuam na SCD Condado, durante umha época de
intensa actividade social na comarca.
|

|
|

|

|
|
Contexto histórico-social
A Voz do Condado editou oito números entre
1.977 e 1.979, nunha época de convulsión social
en que boa parte da poboación demandaba cambios radicais
con respecto ao rexime franquista que estaba a agonizar. Morto
o ditador e embarcado o Estado no proceso constitucional, a necesidade
e a urxencia de transformacións sociais e políticas
era un síntoma da poboación do Condado, segundo
nos contan persoas que participaron no proxecto xornalístico.
Eran anos de xestación de colectivos culturais, asociacións
viciñais ou de montes, e tamén anos de resistencia
e de represión, como mostra a loita das Encrobas contra
a central térmica ou a dos mariscadores de Baldaio pola
protección dos areais. Neste contexto de emerxencia política
en Galiza nace A Voz do Condado, como altofalante popular e anticaciquil,
como apoio teórico e axitativo do movimento social da comarca,
e sobre todo, para enfrentar o Plano de Ordenación Territorial
que ameazaba os recursos naturais da zona.
O Condado é unha pequena comarca do sur
da provincia de Pontevedra, lindante con Portugal. Se ben no mapa
oficial de comarcas comprende os concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario,
Ponteareas, Salvaterra e As Neves, para A Voz do Condado e diferentes
colectivos, tamén abrangue as terras de Salceda de Caselas
(oficialmente comarca de Vigo), Arbo, Crecente, O Covelo e A Caniza
(oficialmente Paradanta). Na época da publicación
do xornal, contaba cuns 30.000 habitantes, cunha economía
centrada no agro, especialmente o viño, a gandería
e a pesca. Unha poboación con altos índices de pobreza,
subdesenvolvida industrialmente e centrada no sector primario.
O Plano de Ordenación Territorial foi
o detonante que motivou a fundación da Xunta de Veciños
do Condado, un colectivo amplo e plural, con ducias de persoas
de todas as parroquias, que nacía para defender os dereitos
da poboación. Coa Xunta nacía A Voz do Condado,
como órgao de expresión. O Plano de Ordenación
comprendía un encoro no río Uma, celulosas en Lira,
Batalláns e Uma; as graveiras no río Tea; o Salto
do Sela, e repoboacións masivas de eucaliptos en Salvaterra,
Ponteareas, as Neves e Mondariz, entre outras medidas dirixidas
polos alcaldes locais e os seus aliados, especialmente o de Ponteareas,
José Castro, presunto líder dun proxecto do que
ía saír beneficiado.
A Xunta de Veciños canalizou a oposición
popular a este Plano. En 21 días, realizaron 48 mesas informativas
en todas as parroquias da área para explicar o proxecto
de Castro. Xunto con A Voz, o boca a boca, os folletos e outras
formas de propaganda, a comarca foi tomando conciencia contra
esta agresión, segundo califica o xornal. Desta maneira,
en Ponteareas manifestábanse ilegalmente entre 1.500 e
2.000 persoas, a maior manifestación do Condado desde a
II República. Logo da batalla contra o Plano de Ordenación,
A Voz continuou a editarse con periodicidade irregular, mais atendendo
a diferentes cuestións na liña trazada desde o primeiro
número.
O Condado non contaba con comunicación
local xornalística. As únicas informacións
que chegaban no papel correspondían á prensa do
rexime ou semellantes, que informaban de Madrid, Vigo ou Santiago,
mais non das súas vilas. Na Voz do Condado recibían
información parroquia a parroquia, datos ocultos sobre
os caciques, información das medidas dos gobernos locais
e dos cambios que adoptaba o poder central. Unha información
interpretada desde unha óptica radicalmente oposta á
da prensa oficial, polo que contou cunha acollida sen precedente
que asombrou mesmo ás persoas que editaban a publicación.
A xente quería recibir información e informar sobre
o que coñecía no día a día. Miles
de exemplares eran demandados polos Veciños, que esgotaban
número a número a tirada da Voz.
O núcleo fundador do xornal partiu dun
grupo de persoas mozas de Salvaterra, que desde 1.973 viñan
traballando coa Sociedade Cultural e Deportiva, entidade que fundaron
e que contou cunha ampla actividade de dinamización socio-cultural,
con especial incidencia na normalización linguística:
todo o material editado foi sempre en galego.
Eran un grupo de arredor de 14 persoas, de ideoloxía
independentista e de esquerda radical, que tiveron o seu apoxeo
entre 1.976 e 1.979. A maior parte deles integrouse posteriormente
en Galicia Ceibe (OLN), como Independentes do Condado, despois
Galiza Ceive. Nas primeiras eleccións municipais, obtiñan
3 concelleiros en Salvaterra pola candidatura Independentes por
Galiza. Participaron tamén na organización da Festa
do Viño do Condado e nas eleccións ás cámaras
agrarias, con relativo éxito.
Detrás da Xunta de Veciños e da
Voz do Condado estaba un grupo amplo e heteroxéneo de persoas.
Entre elas destacan o grupo mozo de Salvaterra do Miño,
axentes sociais e culturais das diferentes parroquias, comunidades
de montes, persoas de idade que viviran a II República
e a guerra civil e colectivos de afectados polo Plano de Ordenación
Territorial. A Xunta era o aglutinante, o motor de denuncia e
mobilización que conseguiu importantes logros ao longo
da súa breve pero intensa actividade. Entre as victorias,
a paralización dos proxectos centrais do Plano de Ordenación:
freouse a extracción do árido do río Tea
por parte das graveiras, impediuse a execución do Salto
do Sela cando xa tiña habido expropiacións e as
obras estaban para comezar, paráronse algunhas plantacións
de eucaliptos e impedíuse a construcción de celulosas.
E, sobre todo, activouse un movemento popular na comarca que fixo
ver aos Veciños que podían participar politicamente
e esixir o respeto aos seus dereitos.
A Voz do Condado foi un proxecto ambicioso que
supuña grandes custes e riscos. A obtención de información
partía dos propios veciños afectados ou de testemuñas,
do tecido asociativo existente, de persoas que traballaban na
administración, ou ben de caciques con ánimo de
vinganza, como sinalan no xornal. A publicación clandestina
tiña que imprimirse en rotativas alegais de Vigo ou ben
en Portugal, cambiando o lugar de impresión progresivamente
por seguridade e en base ás posibilidades de cada momento.
E a distribución facíase mediante o man a man, en
lugares onde se aglomerase o maior número posíbel
de persoas: tele-clubes, estadios de fútbol, romarías...
Ademais, había enlaces en cada vila que vendían
os exemplares, e distribuidores do xornal facían rutas
de reparto con coches para dar cobertura á totalidade do
territorio comarcal.
Este traballo supuña numerosos riscos polos contidos rupturistas
da Voz do Condado, en época preconstitucional e nos primeiros
meses de vixencia da Carta Magna. Na distribución dun número,
a Garda Civil, alertada por un delator, detivo catro distribuidores
da Voz nun campo de fútbol, que pasaron 24 horas no cuartel
e foron postos a disposición xudicial. Persoas vinculadas
á publicación recibiron o acoso e a persecución
de elementos próximos a Castro e mantiveron enfrentamentos
con graveiros.
O proxecto xornalístico rematou en outubro
de 1.979, paralelo á disolución da Xunta de Veciños.
Entre as causas, a división da Xunta entre o sector fundacional
e persoas que vían na nova época constitucional
o teito das súas aspiracións. Ademais, o grupo de
Salvaterra conseguiu tres concelleiros nas primeiras eleccións,
co que adaptaron a loita ao novo marco. Logo disto, centraron
o seu traballo na Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, que
se mantén activa a día de hoxe.
|

|
outubro 1977 - Abril 1978
A Voz do Condado
na súa etapa inicial
A Voz do Condado, o órgano de expresión
da Xunta de Veciños desta mesma comarca pontevedresa, nace
no mes de outubro de 1977 como un medio de información
concibido para denunciar o caciquismo e responder ás demandas
que existían dunha prensa “ceibe e popular”.
A aparición na escena sociopolítica
do Condado da devandita Xunta de Veciños estivo motivada
polo grande rexeitamento que espertou entre a cidadanía
a aplicación do Plano Territorial de Ordenación
do Condado. Esta asociación veciñal canalizou as
protestas populares contra este proxecto de ordenación
do territorio.
Tal e como se relata nunha columna de opinión
da portada do primeiro número, o novo movemento veciñal,
de carácter asembleario e profundamente avanzado para a
época, veuse na obriga de potenciar medios de comunicación
alternativos, constituíndo mesas informativas, elaborando
cartaces nas parroquias e, posteriormente, editando o presente
periódico. Como consecuencia da campaña anterior,
a Xunta de Veciños logrou convocar en Ponteareas a perto
de dúas mil persoas contra a aprobación do mencionado
plano, nunha mobilización sen precedentes naqueles anos.
Deste acontecemento nutriuse A Voz do Condado na súa primeira
páxina.
A estructura do periódico non é
ríxida, isto é, as diferentes seccións non
teñen un espacio fixo e inalterábel ao longo dos
diferentes exemplares analizados ( os catro números comprendidos
entre outubro de 1977 e abril de 1978). Non obstante, todos posúen
un editorial, reportaxes en relación co Plano de Ordenación
do Condado, monográficos sobre caciques da comarca, especiais
sobre a saúde, informacións parroquiais ou sobre
outras loitas populares na Galiza, notas necrolóxicas,
etc.
Os editoriais
Os primeiros editoriais de A Voz do Condado encabezáronse
coa lenda “Unha voz popular e ceibe”. Este lema xa
deixaba entrever a liña política do presente periódico.
Creado como o órgano de expresión da Xunta de Veciños
do Condado, este medio autoproclámase “popular, ceibe,
aberto e suprapartidario”. Na liña amosada polas
organizacións nacionalistas de esquerda con tendencias
rupturistas como a UPG ou o Partido Galego do Proletariado, a
Voz do Condado sostén que non existiu unha verdadeira transición
política no Estado español e que a Galiza da época
aínda estaba presa polo medo. Así mesmo, o periódico
denuncia o terrorismo de estado e a violencia perpetrada por grupos
parapoliciais contra a clase obreira en liñas tan duras
como as seguintes: “cando as liberdades populares siguen
a ser pisoteadas, cando as pistolas ou as bombas non paran de
matar xente traballadora, (...) cando os caciques que gobernan
a bisbarra seguen botándonos á emigración,
saen no televexo pra decir co que comemos, comémolo gracias
a eles, agora ..., agora xa temos “democracia”. Por
outra banda, o carácter nacionalista da publicación
queda perfectamente marcado cando se afirma que o periódico
é “ceibe como ten que ser Galicia nunha data non
moi lonxana”.
O segundo editorial faise eco da grande transcendencia
que tivo o primeiro exemplar de A Voz do Condado na comarca. Para
o editorialista, a saída á luz deste medio orixinou
unha grande expectación entre a cidadanía, mesmo
ata tal punto que a tiraxe inicial de 1.500 exemplares ficou curta,
polo que incluso a revenda se chegou a cotizar a prezos moi altos.
No eido estrictamente político, desde
este editorial asegúrase que a aparición do periódico
na vida pública da bisbarra ocasionou innumerábeis
reaccións entre os veciños. As máis airadas,
obviamente, entre os sectores reaccionarios que, incluso, chegaron
a proferir ameazas de morte contra os responsábeis da publicación.
No caso oposto, desde A Voz do Condado sostense que a difusión
dos desfalcos, cacicadas e demais corruptelas protagonizados polo
gobernantes da zona motivou a reflexión dalgúns
arrepentidos, tal e como se manifesta nas seguintes frases: “Abandono
da nave caciquil por parte dalgúns colaboradores (...)Cando
as ratas abandonan o barco é que hai perigo de naufraxio”.
O medio asocia as causas destas reaccións
coa publicación “daquilo que todas as persoas sabían
individualmente”. Mais, a pesar dos pulos do periódico
por hixienizar a vida política e social do Condado, o panorama
da comarca segue a ser considerado desolador. O caciquismo, as
redes clientelares o a “sociedade dos favores” seguen
a presidir a xestión das administracións públicas.
No parágrafo co que se conclúe este editorial, asevérase
que o “sistema está desfasado” e que “no
últimos corenta anos gobernaron os das comilonas, i é
ben sabido que co estómago cheo non se pode pensar. Así
nos foi ...”.
O terceiro editorial comeza solicitando desculpas
ás familias dos caciques denunciados nas súas páxinas.
Desde o periódico puntualízase que estas críticas
non son do seu agrado, mais son necesarias para espertar a conciencia
democrática da poboación. Nun ton realmente conciliador,
o editorialista fai un chamamento a que os responsábeis
destas irregularidades entoen un “mea culpa” e reconsideren
as súas accións. Por outra banda, na Voz do Condado
seguen a reclamarse melloras nos sistemas sanitario, educativo,
agropecuario e forestal da comarca.
A etapa inicial de A Voz do Condado conclúe
cun editorial moi contundente que culpa ao Gran Capitalismo”
dos grandes males que asolan o noso país. Mediante o emprego
dunha retórica profundamente esquerdista, o medio asegura
que está a desempeñar unha loita “revolucionaria”
e que o seu labor será “recoñecido como unha
obra social de grande importancia”. Seguindo nesta liña
combativa, tamén se acusa aos grandes capitalistas der
ser “os donos das fábricas de armas, os que inventan
guerras pra gañar diñeiro, corrompendo á
humanidade”. Esta reflexión, desgraciadamente, é
perfectamente aplicábel aos nosos tempos.
O Plano Territorial
de Ordenación do Condado
A intención da Mancomunidade de Municipios do Condado,
presidida por José Castro, ata hai ben pouco alcalde de
Ponteareas, de aplicar este plano de ordenación do territorio
causou unha enorme indignación entre a veciñanza
da bisbarra. A Voz do Condado, na súa función de
voceiro da Xunta de Veciños da comarca, dedicou varios
especiais a combater este proxecto. As críticas a este
plano materializáronse en varias reportaxes aparecidas
nas primeiras edicións da publicación.
No primeiro número, procédese
á explicación das consecuencias nefastas que, para
a comarca, suporá a aplicación deste plano. Nun
detallado relatorio dos puntos dos que consta o proxecto, A Voz
do Condado interpreta que, coa súa aprobación, a
bisbarra pontevedresa encherase de industrias contaminantes, nomeadamente
de celulosas.
Outro dos cabalos de batalla son as restriccións
que proxecto prevé sobre as construccións no rural,
en clara oposición á permisividade que suporá
para a especulación nas áreas urbanas.
A xestión e propiedade das augas dos ríos,
regatos e lagoas é outro dos aspectos que preocupa seriamente
á Voz do Condado. Segundo a opinión do medio, estas
pasarán a ser empregadas con fins industriais, en detrimento
do regadío das leiras dos labregos.
O periódico, tal como se desprende das
súas reportaxes, é partidario dun crecemento sostíbel
da comarca, no que exista unha perfecta harmonía entre
o medio rural é o urbano para, así, evolucionar
cara un proceso integrador “que tivera como norte a creación
de postos de traballo”.
Nos sucesivos números, faise fincapé
nos altos custes económicos do devandito plano, sen que
neste se teña prevista a construcción de novos centros
educativos e sanitarios.
Os monográficos
sobre caciques
Todos os exemplares da etapa inicial do medio encabézanse
cun especial sobre os caciques máis salientábeis
da escena política da comarca pontevedresa. O máis
extenso é o primeiro, dedicado á persoa de José
Castro, alcalde de Ponteareas ata hai poucos anos.
Todos os políticos tratados nesta sección
teñen moitos puntos en común, o seu pasado franquista.
Son continuas as análises retrospectivas destes personaxes,
nas que se matizan aqueles acontecementos das súas vidas
nas que estiveron inmersos en asuntos escabrosos e turbios.
No que atinxe á figura de Castro, destácase
a súa nula formación académica, así
como as súas andainas pola Falanxe e polos sindicatos verticais
fascistas. As ansias de poder son outro trazo que define a estes
políticos. De novo no caso de José Castro, relátanse
polo miúdo as liortas fratricidas que se produciron no
seo do réxime franquista e as que tivo que someterse este
político para gabear na escala de poder.
Dentro desta sección, chama a atención
do lector o ton cáustico co que ao redactor define a Castro
e á súa maneira de proceder ao referirse aos “da
súa calaña” ou ao falar do político
coma un “don nadie”.
No seguintes números os personaxes a
analizar son os alcaldes de Salceda de Caselas e de Salvaterra
do Miño. En ambos casos, as historias delatan numerosos
exemplos de tráfico de influencias, trato de favor, caciquismo,
vinganzas persoais, estafas e un longo etcétera.
O cuarto número, o do mes de abril de
1978, ao coincidir a súa publicación co proceso
previo á constitución da autonomía na Galiza,
dedícase a presente sección á persoa de Antonio
Rosón, o que fora presidente da pre-autonomía galega.
Tal como acontecera cos anteriores políticos
tratados, realízase un pormenorizado estudio da evolución
vital de Rosón: de fascista responsábel de innumerábeis
“paseos” durante a Guerra Civil a alto funcionario
do réxime franquista; xa na década dos setenta,
á demócrata reconvertido.
Outras seccións
fixas
A Voz do Condado, a pesar de ser un medio de comunicación
comarcal, ten nas súas páxinas interiores unha sección
dedicada por completo ás loitas populares do resto da Galiza.
Este aspecto diferencia a este periódico doutros locais,
pois posúe unha clara vocación nacional.
Os temas abordados, por certo, gozan dunha especial
significación hoxe en día. Analízanse problemas
tan actuais como a construcción de encoros que estragan
a riqueza dos nosos ríos, as protestas dos gandeiros polo
mísero prezo do leite que lles impoñen as empresas,
as demandas dos pataqueiros da Limia para que desaparezan os intermediarios
na comercialización do producto, malestar entre as poboacións
por onde vai transcorrer unha autoestrada. Botando unha ollada
cara este período histórico, hai concretamente vintecinco
anos, chego á conclusión de que o país moi
pouco avanzou nestes anos.
No tocante á información parroquial,
son constantes os artigos nos que A Voz do Condado canaliza as
queixas dos veciños en relación co mal funcionamento
das infraestructuras, dos transportes ou da carencia de centros
educativos e de saúde dignos, aspectos aos que o medio
lles concede unha especial importancia, mesmo ata o extremo de
concederlles dous especiais no periódico.
As reportaxes históricas tamén
están presentes ao longo dos catro números analizados
do periódico, nomeadamente as que se remiten a pasaxes
brutais da Guerra Civil, como a destruccións de casas do
pobo ou o exilio de persoeiros republicanos da comarca, como o
que fora alcalde de Salvaterra durante a Segunda República,
Manuel Mariño.
A información estatal unicamente está
presente nun artigo satírico sobre unha conferencia no
clube Siglo XXI de Madrid, na que coincidiron Manuel Fraga e Santiago
Carrillo, e que leva por título a expresiva frase de “Fraga
e Carrillo usam a mesma braga”.
De A Voz do Condado cómpre salientar
o ton combativo que adquiren os seus editoriais, os seus monográficos
sobre os caciques ou os seus especiais sobre mencionado plano
de ordenación do territorio. Para enfatizar o enfoque militante
da publicación, engadíronse nas súas páxinas
poemas patrióticos e, mesmo, as estrofas do himno nacional.
|

|
| Xullo 1978 – Outubro 1979
A Voz do Condado na súa fase final
Os catro derradeiros números editados
d’A Voz do Condado continúan as liñas de forza
argumentais xa comentadas respecto da primeira xeira do periódico.
Se cadra o exemplar número cinco, correspondente ao mes
de xullo de 1978, adoece dunha desorde –ningunha información
comeza e remata na mesma páxina, valéndose da fórmula
“pasa a...”- que en datas posteriores se vai emendando
progresivamente. Tamén é de salientar o número
7, editado contra o Nadal dese mesmo ano e que coincide coa votación
da constitución española do seis de decembro. A
Xunta de Veciños do Condado decidiu daquela adicarlle un
especial do seu voceiro a catro páxinas ao fasto promovido
polo Estado español.
Os números 5 e 6 d’A Voz do Condado
ocupan oito páxinas incluíndo capa e contracapa,
é dicir, dous pregues de papel xornal. O xa mentado especial
verbo da constitución, o número 7, redúcese
a catro páxinas con información exclusivamente de
ámeto estatal. Para o derradeiro número d’A
Voz do Condado, as páxinas medran ata acadar a ducia –tres
pregues-. Neste exemplar, o 8, aprézase un meirnade esforzo
no intre de ordenar e xerarquizar as informacións. Tres
seccións semellan dominar os contidos, so as denominacións
INFORMACIÓN CULTURAL –xa presente con anterioridade-,
INFORMACIÓN PARROQUIAL –a sección máis
constante do periódico- e INFORMACIÓN LABORAL –a
novidade absoluta deste derradeiro número-.
Amais, n’A Voz do Condado 8 públicanse
por primeira volta reportaxes monotemáticas a dobre plana:
“Dilema encol da Agrupación Escolar da zoa sur”
e “As loitas parroquiales pola recuperación dos montes
comúns”, nas páxinas catro e cinco e seis
e sete, respectivamente. No derradeiro número do periódico
local que se definía na cabeceira como “voceiro da
Xunta de Veciños do Condado” existe sen dúbida
o propósito de consolidar unha institución de comunicación
local, de base e para a base. Se cadra xa se busca unha meirande
adaptación aos xéneros clásicos do xornalismo
burgués.
Editoriais
O habitual editorial non falta en ningún dos catro números
que pechan a andaina d’A Voz do Condado. É a única
sección presente en todos os exemplares editados do periódico
do Condado. Os contidos dos editoriais cínxense á
ideoloxía da agrupación política que abeira
a publicación: a esquerda nacionalista ou o nacionalismo
de esquerdas. Deste xeito, no editorial do número 5, co
título “Euscadizar Salvaterra”, o xornlaista
que escribe critica con dureza a presencia dunha Garda Civil que
se excede na represión. “Guardia Civil, metralleta
en man en nome dunha democracia que soio está na publicidade
de quen desde España goberna Galicia”. Denúnciase
como as forzas armadas estatais obrigaron a un cativo e entregar
un exemplar d’A Voz do Condado so a ameaza física
dun tiro.
Para o seguinte número, o editorial do
voceiro da Xunta de Veciños do Condado ataca as condicións
impostas polo Mercado Común Europeo –do que o estado
español aínda non formaba parte- aos pesqueiros
galegos. “Pra poder pescar (240 licencias) nas augas do
Mercado Común, hai que lle mercar carne conxelada ao proprio
Mercado Común”. Segundo o editorialista, “a
isto chámallese roubar, é colonizar”. Remata
o artigo advertindo do perigo de se “topar de emigrante
no Zaire” se non se pon remedio á situación.
No mes de aprobación da constitución española,
decembro do 78, A Voz do Condado saiu á rúa cun
especial verbo do texto legal importado dende Madrid. O editorial
comeza cun relato a xeito de enumeración do fervente tempo
sociohistórico que estaba a vivir Galiza e o resto do Estado:
a demisión do deputado nas Cortes centrais pola esquerda
vasca, Francisco Letamendía, os obreiros mortos na construcción,
a polución nas rías galegas, a condena dun militante
da Xunta veciñal logo dun xuízo promovido polo alcalde
de Ponteareas, José Castro, o peche patronal de Corfi,
etcétera. De seguido, o editorialista expón as razóns
que levan á Xunta de Veciños do Condado, a través
do seu voceiro impreso, a pedir a abstención no referendo
da constitución. Nas derradeiras liñas do artigo
chámanse para fóra dunha legalidade imposta.
O editorial que abre o derradeiro número
d’A Voz do Condado referencia un intento de apropiamento
da cabeceira por outra formación política allea
á Xunta de Veciños. O editorialista acusa á
Organización de Liberación Nacional, que despois
asociarase con Galicia Ceibe, de imprimir un pretendido número
8 d’A Voz do Condado. Fai un chamado á unidade dos
nacionalistas para que non torne “a lonxana imaxen de nacionalistas
a hostias no medio das rúas ou dentro das manifestacións”.
Información
parroquial
Agás, por razóns obvias, no número 7 –é
un especial verbo da constitución- d’A Voz do Condado,
nos outros tres exemplares analizados do periódico a única
sección fixa constitúea INFORMACIÓN PARROQUIAL.
Valéndose dunha reivindicación histórica
do pensamento nacionalista galego –a parroquia como lugar
de decisión política-, os xornalistas recollen toda
caste de noticias referentes á bisbarra. Novidades laborais
ou políticas, unha pioneiras reclamacións ecoloxistas,
preocupacións labregas –mais sempre de matiz político-,
calquera información é susceptíbel de se
colocar só o tituliño co topónimo da parroquia
correspondente.
Escola de saúde
labrega
Esta curiosa sección aparece nos números cinco e
seis d’A Voz do Condado. Instrúe, en teoría,
ao campesiñado lector do periódico respecto dos
seus dereitos sanitarios e mesmo de primeiros auxilios básicos
e precisos para os obreiros do campo. Tamén, no exemplar
6, advírtese do perigo da meninxite como enfermidade case
epidémica daquela.
Escarnio
So este título pódense agrupar os relatos en verso
consoante das falcatruadas do poder que aparecen publicados nos
números 5, 6 e 7 d’A Voz do Condado. De nidia xínea
popular, os “poemas” reflicten o estado de ánimo
da redacción do periódico verbo da Xunta de Galicia,
da “patria ceibe” ou da propia constitución
–no citado número 7-. Por veces, as rimas levan sinatura,
mais adoita tratarse dun seudónimo (Xoan Garcia de Guillade).
No caso concreto da “Pandeirada contra a Constitución”,
a sinatura reza COMITES CONTRA A CONSTITUCIÓN.
Á parte dos contidos axuntados so as seccións arriba
descritas, A Voz do Condado publicaba e facíase eco doutras
informacións de riscos comarcais, nacionais ou estatais.
O estado da sanidade no concello de Crecente ou a festa do viño
do Condado; a problemática dos “axuntamentos”
ou as visitas do rei e do presidente a China e máis a Cuba,
as máis variadas temáticas atopan oco nas páxinas
do voceiro da Xunta de Veciños do Condado –sempre
dende un punto de vista político, político en sentido
amplo-. Territorialmente, das informacións non adscritas
á seccións normais, trece son de ámbito comarcal,
dezaseis nacionais e sete estatais –a meirande parte no
especial constitución número sete-. Non cómpre
esquecer que as novas nacionais tratan asuntos que rematan por
influír directa e decisivamente na bisbarra, por exemplo,
todo o referente ás Asociacións de Pais de Alumnos
publicado no número seis. Os perfís individualizados
de caciques da bisbarra perderon peso nesta segunda xeira –xeira
non en senso estricto, os catro derradeiros exemplares editados-
da publicación e apenas se dan no número cinco:
“Jorge Freijanes, moneco dos caciques”.
|

|
|
Conclusións
- No periódico editado pola Xunta de Veciños
do Condado deuse un verdadeiro proceso de comunicación
local. Sen intermediarios empresariais de ningún tipo nin
publicidade, A Voz do Condado foi o primeiro medio de comunicación
centrado na bisbarra do Condado exclusivamente. Careceu de competencia
durante a súa existencia e unicamente achou un continuador,
logo de pechar en 1.979, na experiencia d’A Peneira –o
periódico local en lingua galega decano do país-.
- A Voz do Condado seguiu un modelo de prensa
por veces de agit-prop. Acarouse ao pensamento marxista-leninista
de prensa militante ao servicio das clases populares como ferramenta
de liberación social e nacional. Oposto á idea liberal
dos medios como contrapoder, A Voz do Condado aparece e desaparece
coa formación política de raizame asemblearia aberta,
nacionalista e esquerdista que lle outorga abeiro, a Xunta de
Veciños do Condado. De feito, cando afundiu o proxecto,
os impulsores comprobaron que a viabilidade político editorial
do voceiro durou o que a incerteza preelectoral na nación.
Co asentamento dunhas opcións políticas e o esvaecemento
doutras, A Voz do Condado debeu pechar as portas.
- En coherencia absoluta coa idea dos fundadores
de traballar con, por e para o pobo -na acepción menos
mesiánica da palabra-, o periódico empregou en todo
intre a lingua maioritaria do país e da bisbarra, o galego,
como vehículo. Eis o proceso de normalización lingüística,
daquela en vías, que A Voz do Condado comezou por conta
e risco propios nun contexto rural sempre e aínda remiso
a mirar o seu idioma escrito.
- Elaborado por xornalistas non profesionais,
A Voz do Condado resultou un periódico nacido da base e
para a base, escrito, editado e vendido polos membros da Xunta
de Veciños. O afastamento do modelo da prensa de referencia
ou a redacción elaborada por persoas sen formación
xornalística son factores que non restan valor á
iniciativa dos veciños do Condado. A carencia de coñecementos
da disciplina periodística viuse suplida pola vontade rexeneracionista
e democratizadora da vida sociopolítica da comarca que
posuía a Xunta promotora do xornal. Os seus membros convertíanse
en xornalistas, transmisores da realidade social que coñecían.
Cada veciño era unha fonte, un cómplice, o que convertía
A Voz no principal vehículo das reivindicacións
populares.
- O ton militante e combativo que definía
o xornal foi contrarrestado en ocasións cun enfoque conciliador
e constructivo para facilitar a comprensión do público.
Pomos por caso o feito de pedir desculpas no terceiro editorial
“á familia dos criticados”. No artigo, sinalan
que “é a única maneira de acabar coas súas
herencias caciciquiles” e chaman aos poderes locais a rectificar
o seu proceder. De non facelo, A Voz do Condado mantería
unha “postura implacable”, sen perdoarlle “a
ninguén” e facendo públicas “as súas
fechorías”.
- O déficit de publicacións independentes
que había na época motivou que a irrupción
de A Voz do Condado ocasionase reaccións inmediatas entre
as súas audiencias. Por un lado de sorpresa e de agrado,
e por outro de reaccións verdadeiramente hostís,
como ameazas de morte aos redactores por parte dos sectores máis
retrógrados. A Voz contaba con poder político de
seu, capaz de incidir no día a día da comarca e
de mobilizar á cidadanía, como aconteceu en Ponteareas
contra o Plan de Ordenación.
- A Voz do Condado non se limita á crítica
das vellas estructuras caciquís. Fronte ao Plan de Ordenación,
lanza propostas para o desenvolvemento sostíbel da comarca;
fai públicos os dereitos da comunidade sobre os seus montes
ou sobre a propiedade das augas; plantexan modelos de saúde
pública e universal; propoñen centros de ensino
básico para cada parroquia de forma equitativa para evitar
o centralismo de Ponteareas e atenden tamén á memoria
histórica da comarca desde a II República.
- As persoas que ergueron o xornal mantiñan
posicións polítcas moi definidas, e moitos deles
estaban organizados. Pese a este feito, A Voz do Condado pretendeu
desde o comezo manter a independencia e ser un medio popular.
O editorial do primeiro número define o xornal como “unha
publicación popular, aberta a todos e suprapartidaria”.
No último número, o editorial céntrase na
crítica a un membro da Xunta e de Galicia Ceibe (OLN) que
editou pola súa conta un exemplar do xornal. Non asumen
o número como propio e indican: “¿Que é
o que se trata de facer?, ¿destruír a Xunta de Veciños?,
¿dar a imaxen dunha escisión na Xunta?, ¿facer
creer, ilusoriamente, que a Xunta de Veciños está
a ser dirixida pola OLN?, ¿utilizar a Voz ao servicio dunha
ORGANIZACIÓN, ou mellor dito, mini-orgaización?”.
Os membros do núcleo impulsor do xornal eran xa daquela
membros de Galicia Ceibe. A pesar deste factor, endurecen a crítica
e esfórzanse por deixar claro que A Voz do Condado non
é o órgano de expresión de ningún
grupo político.
|

|
|
Entrevista a Manolo Soto
Manuel Soto Martínez participou
en todos os números da Voz do Condado como redactor, distribuidor
e membro da Xunta de Veciños, da que foi fundador. Foi
tamén membro fundador da Sociedade Cultural e Deportiva
do Condado, entidade da que hoxe é presidente.
Como nace a Xunta
de Veciños do Condado?
Nace como un movimento anticaciquil. Esta é unha zona de
grandes caciques. Os primeiros pasos representan unha loita ecoloxista
importante, porque estaban a esnaquizar a terra entre as graveiras,
a construcción de áridos e o famoso Salto de Sela...
Toda aquela política do Plano de Ordenación do Condado
que estaba na mente de Pepe Castro e compañía, tivo
como resposta a creación dunha Xunta de Veciños,
clandestina, que recollía unha serie de xente que compartía
a idea de que había que combatir aquel plano de ordenación,
que levaba implícita unha repoboación de eucaliptos
por toda a zona e a implantación dunha celulosa en Leirado.
Desta maneira nace a Xunta de Veciños, en 1977. Nese mesmo
ano comeza a editarse A Voz do Condado, como medio para chegar
á xente, á marxe de que se fixeran unha serie de
mesas informativas por todas as parroquias. Mais a Voz foi o instrumento
co que mellor chegamos á poboación.
Como facíades
para imprimila?
Era unha publicación clandestina, polo que resultaba moi
difícil imprimila. Primeiro imprimiuse en dúas imprentas
clandestinas en Vigo, algún número imprimiuse en
Portugal.
E para distribuíla?
A distribución centrábase no man a man, mesmo se
distribuía nos campos de fútbol, nos tele-clubes,
etc. Facíanse camiños de reparto: nun coche, tres
ou catro persoas, con cen números, levándoa polas
parroquias: de Crecente a Salceda, e de Mondariz a Ponteareas
e a Salvaterra.
Como recibía
a xente o voso xornal?
No primeiro número tiramos uns oitocentos exemplares, e
rematamos tirando cinco mil e pico. Esgotábasenos. A acollida
foi inmellorable. En cada número crecía a tirada
e cada número esgotábase. Hoxe é moi difícil
encontrar unha colección completa da Voz do Condado. Aparece
algunha, pero moi reservada.
Que perfil tiña
a xente que traballaba na Voz?
Moi variado. Desde xente moi xoven a xente moi curtida. Mesmo
xente de bastante idade, xubilados. Destacamos a colaboración
do alcalde Mariño, o último alcalde da República
en Salvaterra, que tivo que fuxir para Sudamérica e que
colaborou no seu regreso coa Voz do Condado. De feito unha Voz
fala del e dos seus anos de alcalde en Salvaterra. Colaboraba
dando información e datos de tempos máis remotos.
Había unha variedade moi grande de colaboradores.
Como conseguíades
as informacións reservadas?
A maior parte da información conseguíase co boa
a boca. O que contaba a xente, o que a xente sabía... E
como na Xunta de Veciños había xente de case todas
as parroquias, que estaba nalgunhas asociacións de Veciños,
de montes, culturais... de todo ese amalgama que estaba a pulular
naquel momento. E daí extraíase a información.
É certo que algunha información puntual chegaba
directamente redactada polos propios informadores, e só
había que plasmala no periódico.
Había algún
director ou coordenador?
Non había un director concreto, pero si había un
grupo de Salvaterra que xa levaba traballando desde 1973 coa Sociedade
Cultural e Deportiva do Condado, bastante afín, con ideas
independentistas naquela altura e que foi dalgunha forma o dinamizador
dese proxecto. Aínda que tamén é certo que
colaborou xente de fora, de Galiza Ceive, como Manolo Pousada
ou como Luís Soto, que estivo por aquí, como Alonso
Fontán, ou mesmo Ferrín nalgunha ocasión.
Cales son os maiores
logros que podes destacar da Voz?
O nacimento da Voz surxíu como combate ao plano de ordenación,
e conseguiuse botar abaixo este plano. Tamén se conseguiu
parar as graveiras, a extracción do árido do río.
Hoxe están no monte. E tamén se paralizou o Salto
do Sela, cando xa se compraran terrenos e xa se daba por feito
dun momento a outro. Pensamos que se aportou un gran de area para
levar adiante proxectos.
E as dificultades?
Tivemos mesmo detidos. Na distribución dun número
sofremos catro detidos. A Garda Civil recibiu un aviso cando estaban
a repartir a Voz nun campo de fútbol e detivo catro compañeiros,
que foron levados ao xuíz de garda. Este abriu un expediente
que ao final foi sobreseído, mais os colegas pasaron vintecatro
horas no cuartelillo. Houbo moitas dificultades: enfrentamentos
cos graveiros, con xente de Castro que perseguiu a distribuidores
en coches por Ponteareas con idea de mallalos, etc.
Tiñades
competencia naquela altura? Xornais da zona?
Non, daquela non había nada máis que Pueblo, Faro
de Vigo... eran os anos da chamada transición e daquela
non había máis maneiras de conseguir información
que a prensa oficial.
Que aconteceu
no número no que denunciades o roubo da cabeceira?
A raíz do número 7, a Voz botou un tempo sen saír,
aínda que a Xunta de Veciños seguía funcionando,
porque había dificultades para editala e botamos uns meses
sen o xornal. Este tempo aproveitouno alguén da Xunta de
Veciños, que logo nos abandonaría, para editar unha
Voz do Condado, case persoalmente, e distribuila na romaría
da Franqueira, cunha glosa á virxe e cousas polo estilo,
polo que non tivemos máis remedio que no seguinte número
da Voz, criticalo. O que moveu os fíos foi unha persoa
en concreto, parece ser que cun par de colegas máis...
Considerámolo unha intromisión, apropiarse dunha
cabeceira dun xornal que lle pertencía á Xunta,
non a el nin a ninguén máis.
Esta persoa era
membro de Galiza Ceive?
Si, era militante naquela altura. Había máis xente
de Galiza Ceive, e xente de Galiza Ceive que non colaborou na
Voz do Condado. Tamén algunha xente que si participabamos,
xente de Salvaterra, algunha de Ponteareas e de Vigo, apoiando
fortemente a loita contra o plano de ordenación. Quen fixo
iso foi un elemento de Galiza Ceive, que aos poucos días
deixou de selo, e que con dous colegas, un de Santiago de Oliveira
e outro de por alí, sacaron este número non sei
para que. Glosándolle á Virxe da Franqueira e facendo
un panexírico que non tiña nada que ver coa traxectoria
que viña levando a Voz.
Por que deixou de editarse a Voz
do Condado?
Acabou como acabou a Xunta de Veciños. Porque as cousas
se foron diluíndo, problemas concretos acoplaron moita
xente e diluíse a dinámica que levábamos.
Tamén porque houbo unhas eleccións democráticas,
que anque non cambiaran moito nos alcaldes ou nos concellos, había
unha certa representación e algunha xente consideraba isto
garantía suficiente, co que se foi apartando da Xunta.
Ficou un grupo reducido que seguíu co Festival da Poesia,
coa Sociedade Cultural... como acontece con todas estas cousas,
algunhas van pasando a mellor vida. |

|
Trabalho realizado para Comunicaçom
Local, do curso de Ciências da Comunicaçom da Universidade
de Santiago (USC). Elaborado por Antón Álvarez Sanz,
Carlos Barros Gonçalves e Daniel Salgado Garcia, no ano
2002/2003.
Os
exemplares d'A Voz do Condado formam parte do fundo hemerográfico
da Faculdade de Ciências da Comunicaçom da USC.
|

|
Voltar
a Textos
Voltar a Principal |
|
 |
 |
|