En tempo de preparación da 17ª
edición desta festa da poesía tamén
encaixa perfectamente a palabra futuro, xa que o festival
do Condado afronta unha nova xeira que comezou o ano pasado,
logo do parón que se deu alá por 1.995.
Unha vez recuperados os folgos, o festival renaceu o pasado
agosto de 2.002 na liña de sempre, mais afrontando
os problemas da actualidade. Manolo Soto, presidente da
Sociedade Cultural e Desportiva do Condado e participante
na organización das 16 edicións que leva o
festival, afirma que “a necesidade de recuperalo [o
festival] e a ilusión e o traballo das persoas da
S.C.D. fixeron que o tentasemos de novo”. E continúa:
“queremos seguir difundindo cultura, desde unha perspectiva
reivindicativa e de denuncia das inxustizas”. Premisa
básica nos principios deste festival, que desde a
súa primeira edición considerou primordial
que a poesía fose a voz da realidade social na que
se crea, “unha arma de combate” segundo Neira
Vilas, e non un verso que “se limite exclusivamente
a louvanzas de viños e cantos primaverais”,
tal como continúa o poeta nunha carta enviada desde
A Habana para a 2ª edición do festival.
Foi seguramente ese contido ideolóxico fortemente
marcado por un carácter reivindicativo, o que incomodou
á Deputación e a levou a suspender as subvencións
que xa estaban pactadas antes do encontro poético
de 1.992. Un motivo de máis peso que o aducido pola
parte institucional: a queima dunha bandeira española
que pendía do Concello de Salvaterra, acto emprendido
por persoas do público e non organizado pola S.C.D.
Cos boicotes económicos e as conseguintes débedas,
a situación financeira da organización viuse
tocada. Por este factor e outras causas, o Festival deixou
de celebrarse en 1.995.
Orixe do festival
O Festival de Poesía do Condado nace coa intención
de rotar entre as vilas da comarca, impulsionado pola Sociedade
Cultural e Desportiva do Condado. Esta organización,
con sede en Salvaterra do Miño, conta con presencia
de independentistas, nacionalistas e diversos activistas
culturais da zona, entre os máis de 150 membros cos
que conta, a forza motriz dun festival que chegou a reunir
a unhas 3.000 persoas en torno á poesía, cifra
inaudita nunha festa que homenaxea á “filla
pobre da literatura”, segundo palabras de Manolo Soto.
1.981 foi o ano que viu nacer o festival en Mondariz-Balneario.
A segunda edición celebrouse en Salvaterra (1.982),
en 1.983 tería lugar en Salceda de Caselas, mentres
que a seguinte, en 1.984, se emplazou en Ponteareas. A partir
de aí foise asentando en Salvaterra do Miño
e houbo que ir esquecendo o desexo de que se movera polas
vilas do Condado, ante as dificuldades de que os demais
alcaldes accederan á celebración do festival
nos seus concellos. Como excepcións, o 7º festival,
que se celebrou no Porriño (1.987) e outros dous,
que se fixeron nas parroquias de Cabreira e Fornelos da
Ribeira, pertencentes a Salvaterra. O resto de edicións
realizáronse no concello do Miño.
O río tamén é protagonista, máis
como vencello que como fronteira entre Galiza e Portugal.
Desde a primeira edición termouse en salientar a
vinculación cultural e lingüística coa
outra beira, nunha “convocatoria de poetas á
beira do Miño, na Galicia do sul, lindeira con esa
outra Galicia irmá de Valença, Monçao,
Caminha...”, como dicía Freixanes no limiar
do libro publicado para a 3ª edición do festival.
Fortemente presente o vencello ó Miño, como
sentimento de amor á terra e como aperta desesperada
a unha “cultura asoballada” nun “país
marxinado” (segundo Neira Vilas), o festival da poesía
quer defender a cultura desde unha perspectiva reivindicativa,
a prol das culturas minoritarias e minorizadas: “...e
por moi ruín que veña o tempo, sempre será
tempo de dicir independencia, nós, terra ceibe, amor,
lecer, libertade, humor, e fora os lixos do imperio do Miño,
que é noso.” (Gustavo Luca de Tena, no limiar
do libro de 1.985). Esta identificación cultural
entre as beiras norte e sul do Miño leva a unha liña
reintegracionista no eido lingüístico nas últimas
edicións do festival, aínda que desde os albores
do festival convivan ámbalas dúas normativas.
“Todo canto se fai a prol da poesía é,
xa que logo, un acto de subversión e resistencia”,
afirmaba o poeta Manuel María no limiar do 11º
festival, no outono de 1.991. Cada nova festa adoita ir
acompañada por un lema que centre a forza de reivindicación
a onde se queren canalizar os esforzos de traballo. O pasado
ano, con seis meses de presidencia española da Unión
Europea, foi protagonista a globalización financeira
baixo a frase “Outro mundo é possível”.
Poesía defendendo os valores culturais por riba da
globalización capitalista. En anteriores ocasións
sucedéronse lemas de firme posicionamento, envoltos
de marcado contido ideolóxico: “Insubmissom”,
“Contra o V Centenário”, “Autodeterminaçom
caminho da Independência”, “Poesía
em Liberdade”...
Poetas de aquí e
acolá
O Festival de Poesía no Condado reuniu desde a súa
primeira edición ás vangardas da poesía
galega. O pouco apoio institucional non constituiu un freo
para que acudiran, e foran constantes en varias edicións,
poetas tales como Manuel María, Méndez Ferrín,
Bernardino Graña, Chus Pato, Manolo Rivas, o grupo
Rompente con Antón Reixa, Neira Vilas, Xulio Valcárcel,
Margarita Ledo Andión, Xosé Mª Álvarez
Cáccamo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xela Arias,
Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana,
Antón Tovar, e un longuísimo etcétera
co mellor da poesía galega, constituíndo un
referente esencial na lírica nacional. Limiares asinados
por Víctor F. Freixanes, Méndez Ferrín,
António Mascato, Margarita Ledo Andión, Darío
Xohán Cabana, Antón Reixa, Manuel María,
Mª Xosé Queizán, Roberto Vidal Bolaño
ou o protagonista das Letras Galegas deste ano, Antón
Avilés de Taramancos, que remataba o seu prólogo
coas verbas: “Tamén temos que escrever coa
espada. Esta alegoría panfletaria é válida
nos países que están agorgullando a súa
identidade física e política, a súa
independencia”.
Desde o primeiro festival houbo representación portuguesa,
con delegacións da Asociación de Escritores
e Homes de Letras do Porto, que logo se estendeu a máis
poetas e se traduciu nun intento por xuntar a artistas da
palabra de tódolos países da área lusófona.
José Viale Moutinho, Egito Gonçalves, Veiga
Leitao, e moitos outros encabezan a lista de portugueses,
á que se sumaron brasileiros, caboverdianos, mozambicanos,
angolanos... Ferrín escribiu no prólogo do
4º festival que “Portugal é noso, todo
el, até Alentejos e Algarves, e máis alá:
en creoulos, Brasiles, Goas e papiamentos. A nosa é
unha grande lingua do mundo”. Ó festival sumáronse
tamén bascos, cataláns e mesmo asturianos.
Comenta Manolo Soto que “un exemplo do éxito
foi que poetes bascos e valencianos que tiñan recitado
no Condado, organizaron nos seus países festivais
inspirados no noso”.
Non só poesía
O obxectivo do festival é espallar a poesía,
mais tamén atenden á arte e á cultura
en xeral. Cada unha das 16 edicións deste certame
deixa como memoria un libro que recolle poemas de tódolos
participantes. Estes volumes teñen deseños
de portada de artistas como Granell, Gondar, Pepe Carreiro
ou Xosé Luis Suárez Canal. Varios destes libros
levan impresos tamén cadros ou fotografías
que formaron parte das exposicións do festival.
No campo das artes plásticas, o festival non quer
minguar o nivel acadado no campo poético, polo que
tenta reunir ó mellor dos pintores galegos: os autores
do Marco Atlántico, Granell, Laxeiro, Lodeiro, Patiño,
Lamazares, Monroy, M. Lamas... Tódalas edicións
do festival contaron con exposicións de pintura,
escultura, artesanía, fotografía ou debuxo,
ademais do humor. Neste eido, e dentro da organización
do festival, tamén tiveron lugar varios Encontros
de Humoristas Galegos, con Quesada, Gogue, Xosé Lois,
Fran Jaraba, Xaquín Marín, Pepe Carreiro e
moitos máis. A música constitúe tamén
capítulo aparte, por este festival chegaron a pasar
mesmo Fausto e Zeca Afonso, a quen se lle adicou unha edición
trala súa morte. Grupos nacionais e internacionais,
cantores, títeres e corais que se mesturan co son
da poesía a xeito de protesta, de “grafitti
de urxencia que todos prolongamos pasándonos da raia”,
segundo o ollar de Margarita Ledo.
“Verbas para nom
esquecer”
Tras seis anos de paro, a Sociedade Cultural e Desportiva
do Condado iniciou un novo ciclo para o Festival de Poesía,
dirixido contra a “evidente homoxeneización
cultural” que supón “unha persistente
agresión dirixida contra as culturas minorizadas”,
a globalización, segundo verbas de Carlos Taibo para
o limiar do libro do 2.002. Como innovación, dous
días de festa. Voltou o festival a Salvaterra con
poetas novos e novos folgos. O ano pasado contra a globalización
e desta volta con “Verbas para nom esquecer”,
que será o lema do 2.003. Non esquecer a guerra,
non esquecer a marea negra que cubriu as nosas costas, non
esquecer que, como dixo Gabriel Celaya, “a poesía
é unha arma cargada de futuro”. E, tal como
remata Margarita Ledo o limiar do 8º Festival de Poesía
do Condado, “A Festa Continúa!”.
|