Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Correio Electrónico E-mail
|
Voltar à página principal Principal
30 anos em galego
SCD CONDADO
:: Quem somos
:: XXIII Festival
:: História
:: Arquivo Gráfico
:: Livros editados
:: Notícias
:: Contacto
:: Textos
Prólogos aos livros editados nas sucessivas ediçons do Festival da Poesia
Ir a textos
Darío Xohán Cabana
IX Festival da Poesia, 1989
Limiar do IX Festival

Xa imos indo vellos, pois este ano é o noveno que nos xuntamos no Condado para dicir versos, falar cariñosamente mal dos ausentes anque só sexa porque nos furtaron a súa esperada presencia, comer empanada e beber viño (e ó mellor o Picho tem unhas botellas gardadas do mellor e podémosllas foder). A mágoa é que hogano o rubio estea na cadea; pero nós acordarémonos del, e saberemos que el se acorda de nós.

Tamén somos bem tolos, xuntármonos ano tras ano en informal congreso de palabras que leva o vento. E máis tolos aínda cós que imos dicir poemas son aqueles, moitos máis en número, que van para escoitalos. Eu teño que facer un chamamento á sensatez, aínda que sexa tirar pedras contra o meu tellado de vidro. Cidadáns, non vaiades ó Festival de Poesía do Condado, nin a ningún festival de poesía máis que haxa no mundo, se o hai. Quedade na casa e mirade, digo visionade, a televisión: ofrece modelos de vida moito máis concordes cos tempos. Se queredes saír, podedes ir de boutiques e mercar moda galega: farda moito. Podedes tamén ler nova literatura americana: fai moito culto. E non bebades viño, tomade auga sem gas ou coca-cola light: non engordan.

Un supoñer, vós ides ó Condado e escoitades ó Méndez Ferrín que inventa outra fantasía nacionalista: iso xa non se leva. Sobre ó palco o Viale Moutinho, e resulta que dades oídos a un português que non é iberista: fai moi pouco europeo-ocidental. Vai o Rodríguez Baixeiras e lárgavos un soneto coma un diamante: a quen se lle ocorre facer hoxe esas conachadas? Entre as barbas brancas do Manuel María soa unha voz antiga da terra: e a quen lle importan esas antiguallas? E etcétera, etcétera: que cantan os poetas galegos de agora? Nada que poida interesar a un cidadán normal, a un home de proveito empeñado en alcanza-lo ideal marcado pola nova aristocracia socialdemócrata, mentalizado no alto labor de crear riqueza a mercar un beemeuve.

Deixade que os poetas se extingan pouco a pouco. Non, non é preciso cumpri-la bárbara consigna do Pexegueiro (¿u-lo Pexegueiro?) que propoñía matar os poetas e celebrarlles pompas. Non é preciso ser tan selvaxes e terceiromundistas: abonda cun mesurado desdén, un desprezo de buen tono, un esquecemento suave e fresco coma unha chaqueta de liño cun petroglifo no colar. Pechade as vosas orellas, coma os mariñeiros de Ulises, ás sereas da palabra demasiado tensa dos versos, ás seras da independencia que se esconden nas illas do socialismo do mar que era de nós alá na prehistoria, alá cando Galicia non estaba aínda en marcha, alá cando os cativos soñaban com ser médicos ou camioneiros ou aviadores e non com emular a Mario Conde ou a Adolfo Domínguez ou a Isabel Preisler. Se me facedes caso, o Noveno Festival de Poesía do Condado será tamén o derradeiro.
 

Voltar a Limiares

XXIII Festival da Poesia no Condado



 SCD CONDADO - 2010