Desde o seu forte coruñés
dirixe operacións primavera, accións de banda
contrabando, tortura sibilina, gardas carentes de glamour.
O Virrei da Terra Ancha xa non cre no expólio da
pátria.
Autonomeado herdeiro natural do Rei Garcia mantén
óptimas relacións coa coroa que tanto colaborou
a restaurar, mais nunha vez. Nen por iso vai fuxir da xustiza
dos fillos de Breogán.
Nun dia de infortúnio desceu á máxima
cadeira do noso idioma nacional, arrumada nese clube de
xubilados. Servício ao amo estranxeiro, mais unha
vez a lexitimar a inconstitucinalidade da obriga de coñecer
a língua lavada con lixiva.
De poesía só lembra canto aprendera nos prospectos
de farmacoloxía que suministraba aos labregos dos
xoves compostelanos, carballeira de Santa Susana. Agora
pendurou a bata branca, nos peitos dela deixou a dignidade.
Manuel António, secuestrado, olla desde o paquebote
como imos ficando un chisco acompañados cando nos
xuntamos para reclamar-berrando a devolución do que
nos ten sido ilexitimamente ocupado.
Pero Meogo, Martin Codáx e Mendiño, Pondal
e Rosalía, Cabanillas e Otero, Maria Mariño,
Lorenzo Varela e Cunqueiro non teñen acougo mentras
o Virrei desmemoriado asenta na Académia, acochado
na súa escolta pretoriana.
|