Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Correio Electrónico E-mail
|
Voltar à página principal Principal
30 anos em galego
SCD CONDADO
:: Quem somos
:: XXIII Festival
:: História
:: Arquivo Gráfico
:: Livros editados
:: Notícias
:: Contacto
:: Textos
Prólogos aos livros editados nas sucessivas ediçons do Festival da Poesia
Ir a textos
X. L. Méndez Ferrín
IV Festival da Poesia, 1984
Limiar do IV Festival

O Presidente dos Estados Unidos, Ronald Reagan, proibiu a celebración en Los Ángeles dun festival internacional de poesía que habería de ter lugar con ocasión dos próximos Xogos Olímpicos. O xenial escultor do Hío, Manuel Coia, escribiu unha poesía na que se di que a poesía é a grande verdade. Luis Pimentel, detrás dos visillos dun seu mirador que daba ao Espolón de Lugo, logo de considerar a raiola no carambelo fulgurante que cobría os fíos do telégrafo nunha mañá xeada, marmurou para sí un verso no que a poesía xurdía coma o grande milagre do mundo. Porque, de certo, o que permanece, eso fundaméntano os poetas. Dixérao Hölderlin e dixérao ben. Porque a palabra distinta que a poesía é pode incomodar a Reagan, pode disparar, ter garras, uñas de verdade, radicais humus onde se revolcan larvas de sabiduría outra e diferente. E a nosa poesía, aquela que se di no noso idioma natural, ademáis de amosar a gran verdade non intelectiva prescinde da domesticación alleeira. Non sei se vos decatades de que a poesía galega é o único territorio de Galicia que acadou a independencia. A poesía galega é territorio liberado. Sobre o chan da poesía ordénanse os nosos soños nunha feliz utopía de fermosura, violencia, entrega ao cosmos. Por derriba, as partículas celestes emiten as súas músicas e os seus números concordes. A palabra poética construiese sobre a outra palabra poética e no extremo da cadea atópase, imperturbado e xurdio, Pondal –o primeiro poeta galego moderno, como é sabido-. Poesía galega no Condado, máis un ano. Connosco, os portugueses que é crónica de nós. Portugal é noso, todo él, até Alentejos e Algarves, a máis alá: en creoulos, Brasiles, Goas e papiamentos. A nosa é unha grande lingua do mundo, e non polo número de xentes, senón pola innumerábel verdade dos nosos poetas e dos que escoitan aos nosos poetas. Imaxino ao meu río natal, grave e despacioso, sentindo como na súa orela a verba poética vai latricando un rosmido constante e señor, como o do miño, e entre ambos a porfía mestúrase unha docísima armonía na Festa do Condado. E viva Galicia Ceibe, o Miño, a libertade e todo o que é ledo, novo, noso, diferente e fiel ao soño.
 

Voltar a Limiares

XXIII Festival da Poesia no Condado



 SCD CONDADO - 2010