Veleiquí os poetas. A voz acesa
alumeadora e indestrutible dos poetas. Nestes tempos de
devalo gobernados polo oportunismo e polo desencanto (esa
cativa coartada que agora todos esgrimen), ver frorecer
un ano mais a poesía nas terras antigas do Condado
xa non é pouco. Quenta o corazón e avivece
o espírito. Estamos xa na terceira convocatoria dos
poetas á beira do miño, na Galicia do sul,
lindeira con esa outra Galicia-irmá de Valença,
Monçao, Caminha... Antigas músicas e cantares
uniron noutrora estas terras todas aloumiñadas polo
vello patriarca dos nosos ríos. Tamén liortas
e enfrentamentos, abofé. O Miño trae as palabras
dos poetas de Lugo, xentes do norte, cancións da
terra do pan, ventos bravos das serras de Oriente, xestas
froridas, uces, fragas, o urro do xabarín... O Miño
apaña cantigas da vendimia cando se apreta co Sil,
os sucalcos agaveando pola montaña, o viño
sabio dos vellos mosteiros do Cístel... O Miño
saúda ós poetas de Ourense coma denantes saudou
as cancións dos viaxeiros a Compostela que cruzaron
as súas pontes... ¡Fermosas e arrecendentes
cancións co Reibeiro! ¡Xentes de Celanova!
¡Cantos da Limia! ¡Voces da raia seca co eco
saudoso de Tras-os-Montes! ¡Miño de acá
e alá! ¡Vinde connosco, afluentes todos, a
fornecer o grande río das palabras camiño
do mar1 E qué plenitude velo pasar, ancho e soberano,
por estas ribeiras...
As augas do Miño trouxéronnos un ano mais
a voz dos poetas galegos. Voces distintas, moi diferentes,
que así é o país. Voces coñecidas,
as mais delas, que non precisan de presentacións,
e voces novas algunhas, que veñen todas no mesmo
ramo de fraternidade. Voces rexas, barriles, saudosas, desacougadas...
A festa que o Condado adica cada ano á Poesía
non é unha festa neutral. Leva dentro de si, fervendo,
o compromiso da mais fonda solidariedade coa fala, coas
raices e co futuro. Brazos abertos, apretas... Difícilmente
pode ún decir que non. Aquí está a
nosa tradición toda, a vella historia do noso país...
Con todo, moitas veces penso, que, entre nós, o
mais difícil non é poñer a andar unha
iniciativa ou unha idea. O mais difícil, o verdadeiramente
dignode mérito é facer que esa iniciativa
dure, garantizar a súa permanencia e continuidade.
Sabendo as moitas dificultades que unha empresa coma esta
supón, a miña solidariedade e o meu aplauso
é, por todo isto, ainda moito mais quente e afervoado.
¡Veñan moitos días de ledicia para os
amigos e as xentes do Condado! ¡Veñan moitos
anos de plenitude e primaveras cunqueiriás para a
nosa poesía! Ben sabemos que os tempos non son os
mellores, que moitos está aínda por chegar,
pero ¿quén dixo de matar as conviccións,
a honestidade, a esperanza...?
|