¿Quen é ollo de arcea
e quen radar do medo?
Os irmáns. ¡Son as irmás!
¿Quen é quen de vivir
no sudario da fraga,
no farrapo da terra,
na lucente arañeira?
Os irmáns. ¡Son as irmás!
¿Quen é quen de escandir
a carraxe do mar,
quen arrandea
na gaiola baleira?
Os irmáns. ¡Son as irmás!
¿Quen é flor de sal
na bocha da ferida?
¿Quen raia o día, quen alampa,
quen neva na bola de cristal?
Os irmáns. ¡Son as irmás!
¿Quen vai ao remo,
quen alinda as nubes,
quen rima chuvia
no coiro do silencio?
Os irmáns. ¡Son as irmás!
¿Quen aboia un sorriso
no amargo do ámbar,
quen pon un loureiro á porta
cando todas se fechan?
Aquí están. Os irmáns.
¡Son as irmás!
|