Aínda resoan na conciencia cultural
da nosa época os versos de Gabriel Celaya que lle
confían á poesía un especial poder
revolucionario no tempo. E temos ben presente o coro poético
que na “Letanía de Galicia” de Uxío
Novoneyra entoa, dirixíndose á nosa nación,
o verso sabemos que ti podes ser outra cousa; verso este
que vai seguido por outro que actúa como rotundo
dictame lírico final: sabemos que o home pode ser
outra cousa.
O XVI Festival da Poesía no Condado, felizmente
recuperado este ano, celébrase presidido polo lema
“Outro mundo é posível”, a proclamarmos
así un desexo textual que, incluíndo toda
unha carga de designio poético, incorpora tamén
a enerxía dun desexo político que está
no cerne de toda voz vibrante, de toda respiración
harmónica tensada nas cordas do ser que procura os
camiños da vida en liberdade. Sabemos que “outro
mundo é posível” e por iso cantamos
na soedade perfecta do poema, mais tamén na súa
proxección cívica, na súa comunicación
comunal. A poesía, aparello ou máquina radical
de pureza, bota abaixo os muros de silencio e ilumina, como
quería Antón Avilés de Taramancos,
os espazos do humano, a vida mesma, a nosa terra e o noso
tempo.
Entrañábel espiral de poesía a que
se abre, en progreso, neste Festival do Condado onde se
dan cita mulleres e homes poetas que traen a música
viva do idioma recendendo a centeo, a roseira incendiada,
a mar aberto, a pel e verán, a seiva verde, a corpo
namorado, a sol caído no asfalto, a néboa
ferida pola sombra, a golpe de metal, a femia azul, a horas
penduradas no mediodía, a arreguizo do ser, a terra
ancha ou a horizonte diúrno onde se constrúe
a paz. Velaí a poesía como materia dun soño,
mais tamén como certeza física ou arma plurisensorial,
vahículo para atinxirmos outro mundo, outro mundo
posível, outra realidade que o poema designa, a tensión
indeclinábel da existencia.
O Festival da Poesía no Condado, vello espazo libre
para a expresión poética, tem fondas raiceiras
entre nós. Ecoa neste miñoto territorio liberado
a gran palabra unida da poesía galega, as súas
correntes máis activas, as súas láminas
de voz máis lúcidas, o seu mellor canto xeral
tecido na memoria. Agora volve a celebrarse o Festiva e
a poesía regresa altamente representada por nomes
e por voces novas e recoñecidas, poetas que aquí
están, elas e eles, e que son fillas e fillos da
última luz da deusa branca do século que dixamos.
E todas son voces do futuro. Porque ferve aquí a
mellor música do idioma. Está no Condado o
peso último da mellor poesía galega.
E outro undo e posível. Madia leva. Estamos no camiño.
Contra a globalización que dictan os oligrcas para
o seu exclusivo beneficio, contra a sombra que fere de morte
as liberdades, contra a persecución e aniquilación
dos diferentes cabe a límpida construcción
do poema, a resolución da ira e da beleza, a alma
como un gume que fende o día amordazado e abre paso
necesario sobre os arames de todas as pobrezas.
Que este XVI Festival da Poesía no Condado sexa,
en renovada tese e acción, foro capital de activa
intelixencia poética, patria central dos poetas e
do público que sabe que outro mundo é posível
a partir de nós mesmos, compartindo e elevando a
respiración do idioma, activando a conciencia sobre
a nosa identidade e abrindo e transitando os camiñosprecisos
para sermos libres e solidarios no mundo. A forza do noso
amor, deixou para sempre establecido Uxío Novoneyra,
non pode ser inútil.
Saúde e Terra a todos. E o sol do Condado no máis
alto dos corazóns.
|