Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Estaçom e ano Verao 2008
|
Correio Electrónico E-mail
|
Voltar à página principal Principal
30 anos em galego
SCD CONDADO
:: Quem somos
:: XXII Festival
:: História
:: Arquivo Gráfico
:: Livros editados
:: Notícias
:: Contacto
:: Textos
Prólogos aos livros editados nas sucessivas ediçons do Festival da Poesia
Ir a textos
maría xosé queizán
XV Festival da Poesia, 1995
Algunhas reflexións sobre a lingua

Non falarei da “nosa” lingua nin do “amor” que lle temos ou debemos ter. Ese “nosa” leva implícito o reduccionismo. A lingua, abonda. Canto ao “amor” é unha palabra inadecuada. A lingua hai que respetala, valorala e usala. Unha proba do que digo: o presidente de Galiza di “a nosa amada lingua” ou “a nosa querida terra” ou “Galicia, nai e señora”. Detrás desas expresións vese o paternalismo e unha Galiza feminizada. “Aquí, mi señora” ¡Coitada! Porén, sería ridículo escoitar ao presidente do Estado dicir: “nuestra amada lengua” ou “querida tierra madre”. Di español e España. Non necesita recorrer a adxectivos compensatorios. Cando nós digamos Galiza e lingua estaremos no camiño da normalización.

Tampouco vou falar da teima de empregar o galego e facelo com orgullo porque xa é un discurso gastado (eu mesma teño contribuído ao desgaste). Non quero dicir com isto que non sexan importantes as accións individuais. Todo comportamento modifica o ambiente e actúa no curso da evolución. E a persoal gratificación ética tamén é importante. Si.

Pero, no mundo actual dos medios de comunicación e da masificación, son precisas accións políticas que promovan a utilidade do galego, a necesidade do mesmo para todas as funcións sociais. As preferencias marcan o camiño da evolución: o proxecto. Cando digo acción política, non me refiro unicamente ás institucións, senón á presión social que debe orientalas (Un pobo que non deixa de lamentarse do comportamento dos gobernantes, que leva a cabo unha política de queixas, é un pobo infantilizado. Máis aínda se os vota).

En fin, o galego pervivirá se é necesario. Esa necesidade é a que compre procurar, a liña a seguir.

En relación coa utilidade, considero que o galego debe ser a primeira lingua do país e a segunda o inglés.

O galego como a lingua que estructura o noso pensamento e define esta cultura. Tanto é así que o castelán que se fala na Galiza é basicamente sintaxe fonética galega con algunhas palabras españolas adubando o estrafalario conxunto. A maioría dos proxenitores, marcados polo autoodio e a ignorancia, ensinan á descendencia ese híbrido lingüístico empobrecido, en lugar da lingua que coñecen, vizosa e fluída nos correspondentes contextos culturais. “Y luégo?” “Luégo no te me comen nada, andan a emigrar y no lo dan hecho”.

O galego, pois, como lingua para pensar, crear, sentir, comunicármonos, querer, rir. Para ser no mundo. En segundo lugar o inglés, a língua mundial nesta época que nos permite o acceso ao saber, ás autoestradas da información, á aldea global. Sem esquecer que o Terceiro Mundo tamén fala inglés. En terceiro lugar o español, a lingua franca que serve para comunicarse cos pobos da Península e da América Hispana.

E referíndome á utilidade, considero que a normativa ortográfica imposta foi un dos golpes máis fortes dos últimos tempos. Tratar de aillar ao galego como idioma, actualmente, é condenalo á extinción. Unido ao tronco lingüístico português conseguiría a pervivencia. Tería valor cultural e económico. Representación no foro europeo, americano e africano. A literatura galega figuraría nas bibliotecas e librerías de moitos países e o alumnado galego non se enfrontaría a unha normativa minoritaria e tería acceso fácil a unha enorme e variada cultura. Todo iso perdido por unha cretina e miope independencia. Porque pensar que utilizando a ortografía portuguesa ía perderse a lingua é como crer que o portugués, o moçambicano, o baiano, son o mesmo. Os andaluces e sudamericanos escriben, desde hai séculos, sonidos que non saben pronunciar. A ortografía non modificou os seus hábitos lingüísticos. Ademais, a evolución do galego decidiranna as/os falantes.

A lingua non se pode considerar como un sistema estable de invariantes, senón como un proceso xenerativo. Neste sentido, as mulleres galegas temos que levar a cabo unha análise crítica na lingua como para constatar que estamos ausentes, como suxeitas, nela e promover todos os cambios necesarios que nos permita a identidade persoal. A presencia do xénero feminino na lingua é tan necesaria como en calquera outro aspecto da realidade.
 

Voltar a Limiares

XXII Festival da Poesia no Condado



 SCD CONDADO - 2008