Ser quen de poñer tesos, ou firmes
como lle din eles, a cen ou mais homes a un tempo cun berro
canto mais estarrecente mellor e ademais sentirse alguén
ó facer, non deixa de ser unha variedade perigosa
que, como tantas outras propias da milicia, pon en entredito
a condición do home como ser libre, racional e intelixente.
Como o de levar o paso, que é outra froritura da
que o militarismo impregnou á sociedade, e que só
serve para edixar claro quen manda e con cal fin. Por iso
nunca lle din atopado o chiste ó conto aquel do recluta
que levando o paso cambeado, afirmaba sen titubeos, ó
llo facer notar, que quen o levaban mal eran os outros.
É de supoñer porque a min, tanto na vida cotián
como no exército, sempre me custou máis do
prudente levar con marcialidade o paso de máis grea
cá de dous ou tres á vez. Pero sobre todo,
porque no fondo, o tal chiste e a insultante obviedade da
súa moralexa disciplinaria, sempre me pareceron unha
perversión comenenciuda e pataconeira da orixe certa
de moitos dos procesos de cambio que ó longo da historia,
ensancharon e engrandeceron os horizontes dese outro home
posible no que algúns ainda acreditamos.
I é que, como é sabido, o paso cambeado pódese
levar non só por antollo ou por torpeza, senón,
e sobre todo, como un exercicio de liberdade conscente e
responsable, estimulado pola razón, e nado do convencemento,
de común atinado, de que son os outros os que andan
en circo, non van a ningures, ou seguen o ritmo e o paso
marcados porque quen o marca é o poder, e porque
para satisfacer cativas ambicións domésticas,
sempre é máis ventaxoso ir do par do vento
que contra el, sen se preguntar cara onde é que o
tal vento nos vai levando.
Por iso en tempos como estes, com tanto apóstolo
da submisión a xornal e tanto exército disciplinado
levando o paso, non deixa de ser esperanzador que aínda
haxa quen leve ó seu xeito, a contrapelo, opoñéndose
a algo franca e abertamente sem seres leal oposición
ou aspirante com posibilidades. Só por que lle peta,
porque esa é a súa convicción e a súa
bandeira diante de tódalas outras que alimentan este
presente de pouquedade.
Poida que sexa o derradeiro folgo dun sistema de valores
que emorece, máis có primeiro dun novo que
alenta, pero é algo que é de xustiza que a
poesía celebre, ou do que se sinta solidaria, aínda
que só sexa porque escasea ou porque é raro.
Ó cabo, ela, a poesia, nas diferentes formas artísticas
nas que se manifesta, cando é verdadeira, non vén
sendo outra cousa ca un xeito de insubmisión permanente,
frente á vileza, contra a mediocridade e o asoballamento.
E esa outra insubmisión, hoxe expresada maiormente
como negación á prestación do Servicio
Militar Obrigatório ou às súas formas
subsidiárias, un xeito de poesía volta berro,
pancarta, encerro ou sentada, que se está a escreber
en papel de oficio ou nos cárceres, e na que resoan
palabras vellas e desusadas como; represión, inxustiza,
sofrimento, vixentes e verdadeiras como a xente que nolas
trae, e que nos dí que a pouco a liberdade aínda
é un soño a perseguir com teimosía
e a dignidade un recuncho do ser propio ó alcance
da man de calquera, aínda que siga a ter un precio
moi caro e non vaia estar nunca de saldo.
Que esta Festa da Poesia, exemplo de insubmisión
durante tantas edicións xa, serva para lle dicir
a esa maioría disciplinada que vai cara non se sabe,
e a quen manda, que hai algúns que non marchan com
eles porque se queren soberanos da súa concencia
e dos seus actos, donos do seu próprio destino. Que
se negan a ser partícipes dun xogo cínico,
mintireiro e asoballador que perpetúa a explotación
e a violencia e relea as liberdades. E que por máis
que o bater marcial das súas botas de submisos e
disciplinados pretenda, e consiga ás veces aplastalos,
non van impedir que máis de catro sigamos a crer
que é neles, non que levan o paso cambeado, en quen
alenta a verdade que importa.
|