a poesia queima nos lábios e a
sua verdade queima
contra o siléncio e o medo
contra a palavra morta a poesia é
queimadura branca de sol e estar vivos deste lado da luz
e a poesia é
un salto de alegria na voz dun rio que nace no centro
das cantigas que foron nós e somos
a pátria máis diurna o corazón aceso
flor e pan aberto un ángulo de seda
e o noso desexo o noso
estrela firme
o mar
e aqui está o vento e a poesia é
corrente de metal lámina viva
arvore de mencer orientación do amor e ferve o canto
e a poesia é
o camiño da seiva e o alento da brasa
e aqui estamos nós estamos
a pesar dos mecanismos que segregan sombra
a pesar dos sistemas cegos da noite
a pesar do labirinto e do pozo e dun século negro
construción de túnel para a morte
aqui estamos e alzamos o sangue
e afirmamos deste lado da luz
o verbo antigo e a arte da poesia no tempo noso e no futuro
na raíz e no céu
na liberdade que nos é desde nós
aqui onde nace a palavra
liberada
Poesia en liberdade en Salvaterra de Miño, no Festival
do Condado, onde ano tras ano ainda acontece o milagre.
Armas delicadas os versos. A língua brillando como
o ouro.
O Governador de Pontevedra seguramente non leu a San Juan
de la Cruz, nen a Maiakovski, nen a Méndez Ferrín.
O Funcionário sanciona, couta, proibe: etnocídio
cultural.
Devala gravemente a intelixéncia e a sensibilidade
nestes tempos, porque no mundo minguou a verdade. A propaganda
e a publicidade desalmada, o consumismo desaforado das selvas
urbanas, devoran a ternura do home. Todo se torna achavascado,
záfio, rude, vulgar. Tempo de barbárie “fine
pointe”. Tempo de barbárie mesta e ancha.
E sempre hai unha última esperanza: un corpo amado,
a sua luz de arxila pousada no aquén e no alén
da carne e do gozo. E sempre hai unha defensa contra as
ofensas da vida (Pavese): a poesia en liberdade, viva, vibrando
no tempo. Como en Salvaterra de Miño.
|