Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Estaçom e ano Verao 2008
|
Correio Electrónico E-mail
|
Voltar à página principal Principal
30 anos em galego
SCD CONDADO
:: Quem somos
:: XXII Festival
:: História
:: Arquivo Gráfico
:: Livros editados
:: Notícias
:: Contacto
:: Textos
Prólogos aos livros editados nas sucessivas ediçons do Festival da Poesia
Ir a textos
manuel maria
XI Festival da Poesia, 1991
Semente de pregón ou prólogo
–como se prefira- pro Festival de Poesía
de Salvaterra do Miño ou do Condado

Este ano no que andamos –o 1991, á veira como quen dice dun novo século e dun milenio por encetar- imos celebrar, unha vez máis, o xa tradicioal Festival de Poesía de Salvaterra do Miño ou do Condado, xa consolidado pese a incertidume que o ronda ano tras ano. A Poesía, a verdade poética, remata impoñéndose e trunfando pese a que, moita xente, non se decata deste feito. A beleza e a verdade –tanto a estética como a ética- residen na Poesía. Só a Poesía é a casa da estética e da ética. Non hai outra. Todo poema, merecente deste nome, é útil como esperiencia humana. A súa misión –todo o que e o que viviu ten unha misión positiva ou negativa pois a neutralidade é un imposíbel- consiste en descubrir e agrandar o mundo, tódolos mundos reais ou imaxinarios.

De ahí que se silencie á poesía, se marxine e se proscriba de xeitos máis ou menos sutiles, abertos ou encubertos. Os planificadores das nosas vidas saben moi ben o que fan: non queren persoas senón rebaños e canto máis domesticadiños, mellor. Todo canto se faga a prol da Poesía é, xa que logo, un acto de subversión e resistencia. Este Festival de Salvaterra así ten que ser entendido.

Neste ano escolleuse unha data esencial pra sua celebración: o 12 de Outono, símbolo do reacionarismo e do capitalismo español, o pobriño tan sumiso e obedente. Faise contra a celebración do V CENTEARIO DO DESCOBREMENTO DE AMÉRICA. Xente civilizada, culta, sensibel, sen dúbida, non se sumará a tales folklores. Estes descobrementos e conquistas por medio da forza e da sinrazón teñen de avergoñar a quen as fixo. Povos que non se metían con ninguén foron agredidos polas armas, sometidos, algunhos masacrados, saqueados e humillados. Impúxoselles unha língoa, unha relixión e unha subcultura, que non eran as súas, no nome de Deus e da Civilización. Intentouse aniquilar todo aquelo que non era o capricho do conquistador. Fixéronse desaparecer grandes culturas sobor de todo en América. Nunha palabra: eses seudocivilizadores o único que fixeron foi empobrecer ao home e ao mundo, cultivar u odio e non o amor, sementar a guerra e non a paz e o entendemento. Porque non hai Cultura, senón culturas. Ningunha cultura é superior ou mellor que outra. Unicamente hai culturas máis ou menos desenroladas. Cantas máis culturas esistan máis probabilidades ten o home de elexir e o mundo é máis rico.

Este ano o 12 de OUTONO poetas galegos, portugueses, cataláns e bascos xuntaranse, unha vez máis, á veira do Pai Miño pra decir os seus versos, nun acto de amor e solidaridade. As namoradas e agradecidas ondas poñeranlle música aos seus poemas, levaranos ao mar como máxicas e minúsculas barcas cheas de beleza, soños e ilusiós. E desembarcarán an lonxanas praias, non como guerreiros conquistadores, senón como embaixadores de Poesía -da Poesía- buscando refuxo en corazóns lúcidos, sensibeis e libres.

¡Viva o Festival de Poesía de Salvaterra do Miño!

¡Viva a Poesía!
 

Voltar a Limiares

XXII Festival da Poesia no Condado



 SCD CONDADO - 2008