Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Correio Electrónico E-mail
|
Voltar à página principal Principal
30 anos em galego
SCD CONDADO
:: Quem somos
:: XXIII Festival
:: História
:: Arquivo Gráfico
:: Livros editados
:: Notícias
:: Contacto
:: Textos
Prólogos aos livros editados nas sucessivas ediçons do Festival da Poesia
Ir a textos
antón reixa
X Festival da Poesia, 1990
A poesía como cousa de comer

Se ela lle di a el que ñaca, xa sabemos que ñaca. Per se o que se din é ñan-ñan é que consideran que o tempo é comestible e que as cousas de comer enchen a boca. O desexo contrariado pódese chorar tipo sniff-tipo bua como di algún poema de Bernardo Atxaga. Pero ela e el saben que as interxeccións de dolor tamén expresan pracer. Ela e el decidiron habitar no mundo das onomatopeias e apropiarse dun código case perfecto no que non existe o empeño inútil de distinguir demasiado entre a dolor e o pracer ou entre a ironía e a ternura.

Ela e el conquistaron así a poesía e teceron un saber renovado imaxinando cousas que xa foran imaxinadas pero que queren volver imaxinar.

A poesía, é unha onomatopeia de cristal moi durísimo nun mundo de ruído informatizado, a poesía só pode sobrevivir como onomatopeia entre os ruídos que fan os ladróns do templo e a confusión que se quere presentar como certeza oficial, a poesía non é a cultura administrativa nin a retórica chulesca dos políticos profesionais, a onomatopeia é o punto de resistencia da poesía desque a literatura foi sustituida polo xornalismo e o pensamento pola opinión disfrazada de información. É irremediable que a poesía xa non teña que ver co ocio pero a poesía segue a expresa-lo pracer e a dolor, o tempo doméstico e o tempo da historia.

Ela e el saben que un poeta negro dos días nos que o rap non andaba aínda polas listas de éxitos dixo que a revolución non será televisada e non quería dicir nada nin bo nin malo da televisión, quería dicir que a revolución (a poesía, a ironía,a ternura, a ausencia da miseria, o reino da liberdade) é un acto individual de conciencia e reflexión colectiva que non cabe nas pantallas da TV. É como a gastrnomía que resulta tremendamente aburrida cando se televisa porque a TV non enche a boca. A poesía non será televisada porque enche a boca como a ilusión salgada dos corpos que se aman entre onomatopeias comestibles e a convicción clara dos seres humanos que deciden que se algo cambia debe ser para que algo se transforme.

Ela e el posiblemente non existan máis neste torpe escrito pero si existe a Festa da Poesía no Condado que é como unha onomatopeia espontánea e liberadora no medio dun ambiente cultural aburrido e mediocre, un berro independente entre o marmurio administrativo-cultural da intelectualidade dandy-oficialista, algo que pasa tódolos anos onomatopeicamente, porque si, porque lles peta ós bons amigos do Condado e deciden facelo sen que ninguén llelo mande nin llelo poña fácil, porque empeñan nisto o seu esforzo colectivo para que a poesía ano tras ano nos encha a boca e nos alimente, e aínda que non nos faga máis libres nos recorde a posibilidade de selo, porque, como dicimos Os Resentidos nos nosos concertos, estamos en guerra pero hai que reflexionar.

Ñaca e ñan-ñan para todos.
 

Voltar a Limiares

XXIII Festival da Poesia no Condado



 SCD CONDADO - 2010