O Condado. Unha comarca coma tantas
outras do país, sen importantes cidades, nin grandes empresas
culturais asentadas nin infraestructuras grandiosas. O Condado
é, sen embargo, desde hai xa moitos anos, a capital da
poesía galega, cando menos durante os días en que
se celebra o seu xa célebre Festival Poético do
Condado que, logo duns anos suspendido, chega agora á súa
XVII edición.
Culturagalega.org
4 de Setembro 2003
Recitar poesía. Ese é o eixe. Arredor
desa sinxela manifestación artística pódense
facer unha chea de cousas. Na Sociedade Cultural e Deportiva do
Condado, por exemplo, decidiron aproveitar o recitado e montar
arredor un encontro cultural e reivindicativo. Deste xeito nacía
en 1981, en Mondariz-Balneario, o I Festival de Poesía
do Condado, “porque non había nada feito neste sentido
e a poesía era coma a irmá pobre da literatura”,
apunta Manolo Soto, presidente da sociedade. Desde entón
o encontro foise movendo por diferentes vilas da zona, incorporando
aos poucos outras actividades coma exposicións de pinturas,
concertos, actividades para nenos e outras propostas lúdicas.
Nomes e letras
A chamada a ler e escoitar poesía a finais do verán
nas proximidades do Miño, na compañía de
grande parte do mundo cultural galego acadou éxito. O festival
foi medrando, máis en actividades ca en público.
“Temos unha asistencia máis ou menos estable, entre
as dúas mil e as tres mil persoas cada ano”, lembra
Soto. Unha boa cantidade de público que viu pasar polo
Condado a práctica totalidade dos vates galegos. “Por
acó deberon de pasar case todos. Desde Cuña Novas
a Méndez Ferrín, pasando por Pexegueiro, Cáccamo,
Baixeras, Pozo Garza...”. Por se non abondaba co luxo de
contar coas voces en directo dos poetas, desde o primeiro festival
tamén se abordou a edición dun libro recompilatorio
dos poemas lidos cada ano, na maioría dos casos composicións
inéditas dedicadas ao lema que cada ano guía o festival.
Reivindicación
Porque a poesía no Condado ten sempre un ton reivindicativo,
e desde o comezo da actividade, cada festival contou cun lema
de denuncia e de loita. Desde a loita contra a globalización
coa frase “Um outro mundo é possível”
ata as chamadas a prol da autodeterminación, contra o V
Centenario da descuberta de América ou reivindicando a
insubmisión ao servicio militar. Soto sinala “este
é un festival reivindicativo e multipartidario. Hai xente
do Bloque do PSE, do PP e mesmo independentistas, aquí
temos de todo”.
A creba
Os concellos da zona, especialmente o de Salvaterra, a Deputación
de Pontevedra foron apoiando economicamente a organización
dunha cita que se revelaba coma clásica no panorama poético
galego. Sen embargo, en 1995 chegou o cataclismo. Segundo conta
a organización, a Deputación de Pontevedra retirou
no último momento o seu apoio, despois de se ter comprometido
a encargarse da edición do volume dese ano e de achegar
un subsidio de cincocentas mil pesetas da época. As débedas
contraídas pola SCD na celebración daquela XV edición
obrigaron a esta entidade a pasar os seguinte cinco anos pagando
as débedas xeradas e sen organizar o festival. Este contratempo
provocou tamén unha vaga de desilusión e de cansazo
entre moitos dos veteranos membros deste colectivo.
Resurrección
A desaparición do festival non deixou indiferente aos moitos
afeccionados que xa se afixeran á cita anual. E pouco a
pouco, foi xurdindo xente que preguntaba polo evento. E foise
sumando xente nova á SCD, con gana de recoller a testemuña
da organización. Desde xeito conseguiuse, no 2002, que
voltase á vida a principal cita poética do país,
cuns ánimos renovados que se poden comprobar no completo
dos programas desta segunda xeira. O apoio das adegas da zona
á edición do libro, as de moitos pequenos negocios,
algúns pequenos subsidios e as vendas de distinto material
editado pola SCD son os métodos cos que se cobren os arredor
de trinta mil euros que custa organizar o evento. De feito, a
XVI edición, a do retorno, rematou cun superávit
para a organización que os animou a coordinar desta volta
o maior programa nunca visto no festival.
Unha historia
social
A Sociedade Cultural e Deportiva do Condado naceu como tal en
1973, e foi clandestina durante algo máis dun ano para
non se someter aos requirimentos da lei de asociacións
de 1968. “A sociedade naceu coma un xeito de facer oposición
democrática na comarca”, lembra Soto. Desde entón
veu dinamizando a vida social e cultural da zona, organizando,
desde unha óptica comprometida e reivindicativa, todo tipo
de actos. Trinta anos despois, os arredor de oitenta e sete socios
veteranos mantéñense firmes na asociación,
aínda que recoñecen en moitos casos un certo cansazo
polo duro traballo realizado. “A sociedade expandiuse cara
á xente nova de Salvaterra e de Ponteareas, que son agora
os que tiran un pouco pola directiva para facer cousas”,
recoñece o presidente, que lembra tamén que na actualidade
contan con nada menos que cento setenta e nove membros.
XVII
A última edición do Festival de Poesía do
Condado chega cun programa realmente completo. A música
que desde o principio acompañou as actividades poéticas
vén este ano representada por Ruxe Ruxe, Treixadura, Gaiteiros
de Melide, Big Fat Mamma, Luís de Matos e Ana Firmino,
que pecharán o evento na noite do día seis. En canto
a poetas, a variedade está garantida. Desde nomes asentados
coma Manolo Rivas ou Estevo Creus a novos valores coma Kiko Neves
ou Samuel Solleiro. Ademais destas actividades, xa clásicas,
o festival complétase con exposicións de maquetas
de embarcacións fluviais, pintura, escultura, humor gráfico
e fotografía. O fío común das mostras é
este ano o lema “Verbas para nom esquecer...”, referíndose
aos berros de “Nunca Máis” e de “Non
á guerra” que encheron as rúas galegas desde
o pasado mes de novembro. Outras actividades programadas son a
proxección de documentais e curtametraxes e o paseo turístico
no Comboio de baixa velocidade que percorrerá as rúas
da vila. E é que a poesía transfórmase con
facilidade en moito máis ca letras. |