As organizacións e persoas
asinantes, manifestamos as razóns nas que se fundamenta
a nosa rotunda oposición á construcción de
novos encoros no Miño, como os que, ao abeiro do mercado
ibérico da enerxía, conxuntamente proxectan construir
as empresas Electricidade de Portugal (EDP) e Unión-FENOSA.
Porque consideramos que a construcción
de novas centrais hidroeléctricas no Miño, ademais
de perversa, é innecesaria e inútil, ademais de
ineficaz do punto de vista enerxético.
Porque xa os 535 qm. percorridos polos dous principias ríos
da Bacía do Miño (Sil e o Miño), están
ateigados de comportas que regulan o caudal pra producción
de electricidade. Só o 13% do curso total do Río
Miño permanece ceibe de presas.
Porque o intervencionismo sobre o Miño,
resultado dunha política centralista e ambientalmente perversa,
non permitiu a constitución dun sistema industrial galego
forte e diversificado. Non ten sentido sacrificar mais recursos
para continuar a ser unha comunidade netamente exportadora de
enerxía.
Porque a perda dos valores ambientais e socioculturais
dun río vivo, en aras da modernización, non serviu
para mellorar o nivel de benestar dos cidadáns.
Porque é falso que o que se proxecta sexa
a construción de tres minicentrais. Preténdense
construir 3 grandes presas de 21 m de altura e de 212, 230 e 321
metros de lonxitude, que van ocupar 23 km do Río Miño,
o que representa o 30% da única parte que fica ceibe da
intervención humana no Miño.
Porque a “Nova Cultura da Auga”,
pretende introducir criterios económicos e ecolóxicos
na xestión do recurso polo que a agua non é un elemento
illado senón unha parte dun recurso vivo: o ecosistema
río.
Porque pensamos que antes de optar pola construcción
de novos aproveitamentos eléctricos, é necesario
optimizar o rendemento das turbinas dos encoros existentes, ao
tempo que promover prácticas de aforro enerxético.
Porque as consecuencias sobre o ecosistema fluvial
van ser moito máis graves do que ocorrería nunha
situación de menor presión.
Porque o impacto ambiental que tería a
execución deste proxecto é irreparábel en
moitos aspectos:
- As especies migratorias sufrirán unha
queda considerábel. A destrucción de zonas de
freza reducirá o hábitat disponíbel pras
lampreas e salmóns, estes últimos xa moi escasos
no Miño.
- O incremento da néboa máis
a humidade potenciarán a modificación das condicións
ambientais medias.
- A imposibilidade de xestionar en beneficio
do desenvolvemento sostíbel das poboacións ribeireñas
un espazo natural incluído na rede europea “Natura”.
- A perda irremediable dunha paisaxe excepcional
existente en moitos treitos do rio onde que agochan infinidade
de lugares de grande interese.
Porque o impacto socioeconómico para as
povoacións ribeireñas será moi negativo destacando:
- As perdas no sector vitivinícola serán
importantes como consecuencia da alteración das condicións
climáticas que actualmente fan que as uvas cultivadas
nesta subzona sexan das mellores en calidade de toda a Denominación
de Orixe.
- As perdas da hostelaría en toda a
comarca, cunha puxante actividade de restauración de
recoñecida valía gastronómica. Falar de
comer lamprea é, alo menos no Sul da Provincia de Pontevedra,
falar do Miño.
- As rendas chegadas ás familias ribeireñas
pola pesca tambén son de importancia. As perdas serán
significativas xa que as especies obxecto de captura reducirán
significativamente o seu stock.
- Perda de referentes culturais: a vida co
Río azul e vivo desaparece.
- Coa desaparición da pesqueiras, orixinarias
construccións milenarias representativas dunha arte extractiva
singular, desparece un dos elementos etnográficos mais
singulares e representativos destas comarcas.
- Todas as actividades de turismo de aventura
que se desenvolven no río vense tambén gravemente
afectadas. Impédeselle ou dificulta o desenvolvemento
programado dun sector empresarial en auxe en toda a comarca.
Porque queremos un río vivo, considerámonos
obrigados a preservalo para legalo nas mellores condicións
ás xeracións futuras, é por iso que:
¡Esiximos! das autoridades españolas
e portuguesas, dean por caducada definitivamente a vixencia da
concesión na que se ampara a construcción dos 3
novos encoros proxectados para o treito internacional do Miño.
En Salvaterra de Miño
(Galiza)
Domingo 6 de Xuño de
2004 |