
Lugar de Curuxás, onde o maquis foi caseiro Foto:
ARQUIVO DE CARLOS PARRADO/ M.D.
MANUEL DARRIBA
A única propiedade da aldea de Curuxás, próxima a Palas de Rei,
é un conxunto de vivendas labregas e fincas espaciosas. Nela traballaron
de criados Ramón Rodríguez Varela e a súa dona, Marcelina Costa,
e dese lugar tomou o alcume o que despois sería prófugo do franquismo.
Curuxás apareceu morto en 1967 pero continúa vivo aínda na memoria
de moitas xentes da Ulloa. Carlos Parrado, un empregado de banca
que no seu tempo libre indaga sobre a vida do maquis, pensa que
"é máis difícil dicir en que casas da zona non se escondía que
en cales si".
Parrado, que desde hai 26 anos persigue a sombra de Curuxás, viu
o guerrilleiro por primeira e última vez o día da súa morte. "Na
zona era un mito. A noticia estendeuse por toda a comarca", rememora
o melidense. "Fómolo ver a unha palleira e chamoume a atención
a súa corpulencia. Tiña a cabeza moi ancha e estaba moi gordo".
A prensa diría que "rebasaba los cien kilos de peso".
 UN ANARQUISTA. Rodríguez
Varela naceu en Toques (A Coruña) en 1905, pero a guerra civil
sorprendeuno en Lousame (Noia), onde era traballador da mina de
Sanfiz e afiliado á CNT. Decidido a defender a República, dirixiuse
con outros compañeiros á Coruña e despois a Santiago, pero pouco
puideron facer contra o avance dos nacionales. "Non lle quedou
máis remedio que botarse ó monte", relata Parrado, "na primeira
vaga de fuxidos".
Curuxás convírtese en prófugo da xustiza franquista en xullo de
1936. En Noia aínda se di del que "picaba os patacóns no aire",
en eloxio, quizais esaxerado, á súa puntería. Pero o certo é que
Curuxás tivo que facer uso das armas en máis dunha ocasión, a
primeira en abril do 37, cando leva a punta de pistola 7.000 pesetas
da oficina de cobro da mina. Parrado sostén que o fixo porque
non lle quixeron pagar o salario do mes e que despois "repartiu
a cantidade entre os membros da súa partida, cousa que eu confirmei
con varios deles". Igual que a familia do guerrilleiro, o investigador
asegura que Curuxás "nunca roubou".
Rodríguez Varela morreu, ó parecer por causas naturais, cando
contaba 62 anos. Levaba 30 fuxindo. "Eu creo que puido ser un
derrame cerebral", aventura José Torres, sobriño do maquis e veciño
de Remonde (Palas) establecido en Bilbao. Estaba nunha das casas
de Toques onde lle prestaban auxilio pero alguén aconsellou que
o deixaran no monte para evitarlle á familia problemas coa autoridade.
De alí foi recollido e levado á aira onde Parrado o viu, e máis
tarde soterrado no camposanto da vila coruñesa, moi próxima a
Melide.
José recoñece que nin a súa nai Matilde, irmá do finado, nin ninguén
da familia, agás a muller, asistiu ó enterro. Eles, que o esconderan
na súa casa da Avieira en numerosas ocasións, tiveron medo no
momento final. "Quen se portou moi ben foi o cura de Toques",
relata José. Recibiu o corpo do maquis e deulle terra en Vilamor,
nun lugar que tal vez nunca tivo lápida e que hoxe está ocupado
por outra sepultura.
![]()
Fuxida airosa de tres cercos da Garda Civil e morte dun
cabo en Palas
A morte de Curuxás foi anunciada nun despacho da axencia Mencheta
que aludía ao fuxido como "bandolero" autor de mortes e atracos.
Dos dous homicidios que se lle imputan, un deles, o do cura de Meide
(Melide), permanece envolto no misterio. Parece ser que foi obra
da súa partida de fuxidos, pero ignórase en que grao participou
el. A outra morte, a do cabo Jesús Dacal Val da Garda Civil de Palas,
foi claramente obra súa.
O 27 de xullo de 1941 varias ducias de gardas civís cercaron a casa
de San Xulián do Camiño (Palas) onde vivían a dona e os fillos de
Curuxás. El tamén estaba alí —as súas visitas eran frecuentes— e,
no relato do seu sobriño Pepe, "pediu que deixaran saír a muller
e os fillos". Unha vez cumprido este desexo, "saíu da casa, tirou
unha bomba de man e meteulle a Dacal un tiro no ventre".
O cabo foi trasladado a Lugo, pero non se puido facer nada por el.
Morreu no Hospital Militar. É difícil saber se Curuxás tivo intención
de matalo. O que Pepe Torres sabe é que, días antes, "Dacal déralle
dúas ostias a Marcelina e tiráraa nunha esterqueira. Ela estaba
preñada".
Era a segunda vez que o guerrilleiro escapaba a un acoso da Benemérita.
Carlos Parrado relata un episodio anterior do que descoñece a data.
O escenario é o mesmo, a casa de San Xulián do Camiño. "Estaba sitiado
cun dobre cerco, probablmente varias ducias de gardas. Estivo sete
horas cantando e bebendo augardente. E escapou". Parrado engade
que "o seu fillo de Arxentina faloume dun terceiro enfrontamento
que estou esperando que me documente".
Para José Torres, e Parrado comparte esta opinión, a Garda Civil
temía profundamente a Curuxás, que se movía polo monte "cun foco
tan potente coma o faro dun coche". Quizais por eso nunca foi detido.
Por eso e pola adoración que lle profesaba moita xente, traducida
en axuda. "Desde que se levantaba ata que se deitaba, todo o que
dicía e facía era importantísimo para a xente da casa onde estaba",
asegura Carlos Parrado.
![]()
19/10/2003
|
Varios litros de café ó día, viaxes nocturnas e poucas
explicacións
Pepe Torres era un mozo de 27 anos cando morreu seu tío Curuxás,
a quen lembra na casa familiar da Avieira (Palas) des que ten uso
de razón. "Tomaba moito café. Cinco litros ó día. Durmía polo día
e pola noite charlaba. Se lle dabas conto estaba toda a noite".
Pepe conta que nunca paraba moitos días seguidos e que as despedidas
eran sempre enigmáticas. "Agora vou ir a un sitio, dicía. E eu preguntáballe
a onde. A un sitio, repetía. Marchaba sempre cando a xente se deitaba".
Curuxás tivo que durmir poucas noites no monte, aínda que ás veces
lle contaba a José das chuvias soportadas entre as xestas e os lumes
que os guerrilleiros prendían para secarse. Ou dos tres lobos que
unha vez lle saíron ó camiño e que recibiu a tiros, matando a un
deles. Pero a maioría das noites foi acollido en casas, empezando
pola súa propia. Seguiu tendo fillos, seis en total, e despexoulles
o camiño da emigración a Arxentina cunha carta ameazante á Garda
Civil de Palas. Hoxe viven dous, un en Arxentina e outra en Portugalete
(Bilbao).
"Forte e intelixente" lémbrao Pepe. "Líder entre iguais" califícao
Carlos Parrado, que logrou identificar a case tódolos seus compañeiros
de partida: Plácido Rivera, de Galdo; Francisco Gómez Trotski, de
Celeiro; Benedicto Fuentes, de Viveiro... Todos eles están mortos.
Pepe di que o seu tío pronto optou por andar só "porque non se fiaba
de ninguén". "Por supervivencia", engade Parrado.
![]()
|