A SITUACIÓN DO GALEGO EN ASTURIAS



Carlos Xesús Varela Aenlle



A comarca Eo-Navia consta de dezaoito concellos de fala galega, aínda que tres deles comparten territorio coa lingua asturiana (Navia, Villallón e Allande). O número de falantes é difícil de precisar, pero estaría entre os 40.000 e 50.000, tendo en conta ademais de que parte da poboación eonaviega emigrou á área central asturiana, pero aínda conservou a súa fala.

Existe un descenso imparable de poboación, o que dá lugar a unha poboación vella, emigrando a xente nova e sendo esta ademais a máis escolarizada en español e onde os indicadores lingüísticos descenden en número de galegofalantes.

Pouca é a súa protección e tamén a conciencia do que se fala e da súa cultura. Isto repercute necesariamente no volume de publicacións que se ofertan en galego de Asturias, que é moi reducido.

No eido cultural, o primeiro problema que se plantexa é a existencia de dúas normativas, unha galega e outra asturiana, cada unha coas súas respectivas publicacións. A normativa galega é consciente nos derradeiros anos da necesidade dun subpadrón eonaviego, postura defendida polo Colectivo Cotarelo Valledor.

Os criterios de escolarización baséanse na normativa asturiana, pero non existe un verdadeiro compromiso por parte do goberno autonómico en canto a escolarización do galego, tan só oito centros o imparten. Por outro lado, a inxerencia continuada da Academia de la Llingua Asturiana tampouco facilita uns mínimos puntos de encontro ou acordo, producíndose claramente unha transculturización lingüística da bisbarra. Hai que dicir que só un dos académicos, Ramón d’Andrés recoñece o galego de Asturias.

Respecto a outras institucións, como son os concellos, a resposta é mínima ou inexistente, tan só tres téñense manifestado a prol da protección do que eles chaman “fala”: El Franco, Santalla de Ozcos e Taramundi.

Os medios non respetan o galego de Asturias, nin como mínimo a toponimia, nin os estatais, nin os autonómicos, nin aqueles que podían ser máis sensibles como os asturianistas.

Por último, un eido fundamental é o político. As diferencias entre as forzas galegas e as asturianas é abismal. Mentres que dentro das forzas galegas existe unanimidade cara á protección do galego de Asturias (PP, PSOE e BNG), aínda que por parte do segundo grupo dun xeito moi morno; en Asturias, atopámonos con distintos criterios, por unha banda, os partidos estatais, poucas veces falan da súa protección e espallamento, mesmo Izquierda Unida, que se nun primeiro momento foi favorable, hoxe claramente apoia as teses da ALLA.

Mención especial cabe dicir dos partidos asturianistas, dos que se agardaba que foran máis sensibles coa cuestión. Pero non é así, da postura de non recoñecelo e mesturalo dentro do asturiano como acontece co Partíu Asturianista ou Andecha Astur, ata posturas moi mornas como a do Bloque de Izquierda Asturiana ou a Xunta pola Defensa de la Llingua.

Asemesmo outras organizacións culturais galegas son moi sensibles á situación lingüística xerada no Eo-Navia, destacando a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), a AGAL ou o MDL.