LUGO
«No val de Ellas co que máis se identifican é co galego»
-A fala que se conserva nunha comarca de Cáceres foi analizada nun acto no que participou este estudioso desa variante lingüística

VANESA ABELAIRAS
O profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas participou onte no Uxío Novoneyra nunha táboa redonda sobre O galego portugués do val de Ellas , organizada pola asociación Alto Minho, na que foi analizada a situación da lingua que se fala en tres concellos do norte de Cáceres, próximos á serra de Gata. «Aínda que non é a nosa lingua, no val do Ellas co que máis se identifican é co galego», afirma este profesor de Filoloxía, autor de varios libros e un bo coñecedor da situación naquela comarca.

-¿Desde cando se fala esa variante lingüística nos concellos de Valverde do Fresno, Ellas e San Martiño de Trebello?

-Fundamentalmente a finais do XII e tamén no XIII, esas zonas foron reconquistadas ós moros e repoboadas con colonos de concellos limítrofes de Ourense, Zamora e León. Desde entón conservan unha variante do antigo galego-portugués, que pouco a pouco foi quedando reducido ó val do río Ellas.

-¿O galego distanciouse moito?

-A «fala», como lle chaman en Estremadura, non é o noso galego, pero cando chega alí unha persoa de Galicia saben que non fala portugués. Ademais, eles identifícanse moito con nós. Na emigración moitos acollíanse ás casas de Galicia, e os mozos na mili facíanse pasar por galegos nalgúns casos.

-¿Teñen axudas para conservar a «fala».

-Ten un recoñecemento de ben de interese cultural, pero tampouco lle chaman galego. O curso pasado incluírono como actividade extraescolar e obtivo un éxito tan grande que as autoridades asustáronse e este ano xa non programaron cursos.

-¿A xente nova tamén o segue falando?

-Fálano practicamente as 5.000 persoas que viven nese val. Pero os cambios sociais están limitando o léxico, como pasa coas outras linguas. Tamén o Goberno de Rodríguez Ibarra, que é un xacobino insufrible, ten moitos prexuízos e asocia todo ó nacionalismo. Cando eu ía por alí a estudiala, dixeron que estaba pagado por Fraga.

(b.?l. | lugo)
 


La Voz de Galicia - Ed. Lugo - 30-V-03


Mais dados sobre a Fala do vale do Elhas:

Vídeos gravados na zona : 1 2 3


 

  início  | quem somos   |  actividades  |  local social  |  revista  |  material    |  arquivo  | ligações