| |
 |
| CULTURA E TV |
|
 |
| :: |
Un
milleiro de zamoranos manteñen vivo o galego a pesar da falta de
apoio
A situación do galego na «Raia Leste» foi o
tema de debate que onte mantiveron en Lugo representantes do colectivo
Fala Ceibe do Bierzo, da Mesa pola Defensa do Galego en Asturias,
e o alcalde do concello zamorano de Lubián. O rexedor e tamén deputado
nas Cortes de Castela e León, Felipe Lubián, manifestou o seu descontento
«polo estado de abandono no que teñen o galego as institucións».
Máis de mil persoas empregan o galego en catro municipios de Zamora,
pero non se imparte en ningún colexio. |
| |
|
| |
A mesa redonda foi organizada pola asociación
cultural Alto Minho de Lugo, e tivo como obxectivo analizar a situación
do galego nas provincias próximas a Galicia.
Felipe Lubián sinalou que nos concellos zamoranos de Hermisende,
Pías, Porto e Lubián, onde é alcalde, case o cento por cento da
poboación emprega o galego. «Os plenos de Lubián fanse en galego,
aínda que as actas recóllense en castelán porque a secretaria non
naceu no concello», afirmou o rexedor socialista. Neste municipio,
o galego é oficial. «En Vega de Valcarce non o permitiron, e a nós
si. Seguro que foi un despiste dun funcionario», dixo o alcalde.
Lamentou a falta de apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castela
e León. «O galego mantívose pola propia natureza, pero o abandono
institucional fará que moi pronto se queime para sempre», manifestou
Lubián.
Lembra tamén que o galego está vivo na zona que linda con Ourense
gracias ós labregos. «Sempre houbo dúas realidades, o paisano que
fala coas vacas e os porcos en galego, e o cura e o mestre que fala
o castelán».
En canto ás axudas recibidas das institucións, o alcalde explicou
como en 1991 «chegou a Lubián un coche matrícula da Coruña e deixou
300 libros, algúns deles en castelán, que os metemos na biblioteca
do concello. E dende aquela, nada de nada».
Falta de información
Sobre a implantación do galego na escola, Felipe Lubián cree que
a Junta de Castela e León non está a informar á xente sobre a posibilidade
que teñen os rapaces de recibir clases de galego nos colexios das
comarcas limítrofes con Galicia. «¿Onde está o modelo de solicitude?»,
preguntou. Coma deputado nas Cortes xa ten solicitado máis información.
Ademais, leva seis meses esperando a que a Dirección Xeral de Política
Lingüística da Consellería de Cultura lles mande profesores para
impartir cursos de iniciación ó galego. «A xente fala o galego,
pero non o sabe ler e escribir», argumentou
O representante de Fala Ceibe, Xabier Lago, apuntou que os últimos
estudios sinalan que unhas 40.000 persoas son falantes de galego
na zona do Bierzo. «Impártese en tres colexios públicos, pero esperamos
que o vindeiro curso chegue a secundaria», indicou Lago.
SUSO VARELA (LUGO)
|
| |
|
|
 |
|